PolíticaÚltima hora

O PP reivindica que se impulse o desenvolvemento da A-76

O deputado ourensán no Congreso Celso Delgado pedía no Barco a inclusión de partidas nos orzamentos do Estado para poder licitar algún dos tramos

Publicidade

 

Deputados do PP ourensán e leonés no Congreso criticaban nunha rolda de prensa, celebrada no Barco na mañá deste 2 de outubro, os retrasos acumulados no desenvolvemento dos tramos da autovía A-76 (Ponferrada-Ourense). “Esta é unha infraestrutura estratéxida para Ourense, para León, para Valdeorras e para Ponferrada, así como para a comarca de Lemos”, indicaba o deputado ourensán Celso Delgado Arce.

Ademais este parlamentario expresaba a a súa preocupación pola falta de avance no proxecto e o seu “manifesto desagrado co maiúsculo desinterese do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para con esta autovía. Dende a Dirección Xeral de Estradas e dende a Subdirección Xeral de Proxectos estase freando en seco calquera actuación que supoña un avance efectivo da autovía”. Tamén matizaba que estes retrasos “non teñen que ver coa pandemia, véñense producindo dende xuño de 2018, cando tiña lugar o cambio de goberno no Estado”.

Delgado Arce apuntaba así mesmo que, precisamente nesta situación de crise económica derivada do Covid, o desenvolvemento desta infraestrutura “pode ser unha palanca para intentar incentivar a actividade económica” nestas comarcas. E nese senso referíase á importancia de que no proxecto de orzamentos que elabora o goberno central figuren partidas orzamentarias suficientes para “poder licitar algún dos tramos e por iso emprazamos oao goberno a que apoie e inclusión destas partidas”.  Así pedíalles aos dirixentes socialistas de Valdeorras que “se comprometan” con esta autovía.

 

 

O deputado ourensán repasaba o estado de cada un dos tres primeiros tramos proxectados desta infraestrutura, nos que, segundo dixo, non houbo avances: Villamartín de la Abadía-Requejo (León), Requejo-A Veiga de Cascallá e A Veiga de Cascallá-O Barco. “Quérese frear en seco e paralizar esta autovía e nós non o imos consentir”. Finalmente, Delgado Arce facía alusión “á situación de penuria dos servizos ferroviarios de Valdeorras” e pedía o seu restablecemento, así como a reposición do servizo de venda de billetes nas estacións do Barco e da Rúa-Petín.

Nesta rolda de prensa interviñan tamén o alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, quen resaltaba a importancia desta infraestrutura. “Somos unha comarca importante, estamos un pouco desconectados do resto de Galicia e de Ponferrada, unha zona que temos moito vínculo e tamén moito relación en materia de transportes. As infraestruturas son fundamentais para nós”. Ademais pedía a mellora dos servizos ferroviarios e o restablecemento da venda de billetes nas estacións da comarca.

Así mesmo insistían na importancia de impulsar a A-76 a deputada leonesa no Congreso, Carmen González, así como os voceiros do PP en Ponferrada e no Barco, Marco Morada e Sabina Aguado.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button