PolíticaÚltima hora

O PPdeG demanda a mellora da estrada OU-533, entre Valdeorras e A Gudiña

O deputado Moisés Blanco reuniuse co alcalde da Gudiña e os voceiros do Partido Popular nos concellos da Rúa e Viana

Demandar á Xunta que “realice un estudo de mellora do trazado e as prestacións da estrada OU-533, de modo que conte coas características axeitadas para comunicar a futura autovía A-76 desde Valdeorras coa autovía A-52 no concello da Gudiña”, é o obxectivo da proposición non de lei que o PPdeG ten previsto presentar no Parlamento galego.

Desta iniciativa informaba o deputado popular Moisés Blanco, na reunión mantida na mañá do 8 de abril co alcalde da Gudiña José María Lago, co senador e voceiro do PP na Rúa Avelino García e co voceiro do PP en Viana do Bolo Andrés Montesinos.

Na xuntanza celebrada en Viana, os representantes do Partido Popular coincidiron en sinalar que “esta iniciativa foi elaborada recollendo a demanda de diferentes colectivos, concellos e a Asociación de Empresarios de Valdeorras, que teñen insistido na necesidade de que se melloren as prestacións do eixo que constitúe a estrada OU-533”. Trátase dunha infraestrutura que, partindo da N-120, vertebra o oriente ourensán, unindo as comarcas de Valdeorras e Viana do Bolo, favorecendo o acceso á autovía A-52 desde A Gudiña. “Ademais do importante tráfico de vehículos pesados que circulan por esta estrada, a futura construción dunha nova estación do AVE suporá un incremento notable do tránsito que soporta a OU-533, xa que proporcionará un servizo de conexión con Madrid a toda a comarca de Verín, a poboacións do norte de Portugal e, por suposto, á comarca de Valdeorras”, aseguran dende o PPdeG.

 

Artigos relacionados

Back to top button