DeportesÚltima hora

O prazo de inscrición da Carreira Popular do San Martiño 2019 remata o 10 de novembro

A proba, que sumou máis de 11.000 participantes o ano pasado, celebrará a XLIII edición o domingo día 17 polas rúas de Ourense

Instantes previos do pistoletazo de saída da carreira absoluta o ano pasado. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A Carreira Pedestre Popular do San Martiño chega á súa edición número 43, que percorrerá as rúas da cidade de Ourense o domingo, 17 de novembro. Tal como explicou o concelleiro de Deportes de Ourense na presentación, “A San Martiño é a verdadeira festa do deporte na cidade”, lembrando que o pasado ano a proba sumou máis de 11.000 participantes nas diferentes categorías, cunha porcentaxe de mulleres superior ao habitual neste tipo de carreiras (37%) e máis de 5.000 escolares.

Na presentación tamén participaron a directora técnica, Marta Míguez; o xerente do Consello Municipal de Deportes (entidade organizadora), Mario González; o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Lalo Gómez; a responsable provincial de Caixabank (patrocinador principal) Begoña Abraldes; o xefe territorial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; e o asesor de Proxectos Estratéxicos da Deputación de Ourense, Bernardino González.

 

Presentación da XLIII edición da San Martiño.

 

A carreira absoluta mantén o percorrido de anos anteriores de 10.000 metros, con saída ás 11h. da Ponte do Milenio e remate en Pardo de Cela. Ás 12:30 será a saída na categoría escolar, ás 13:20 a dos cativos e ás 13:30 a proba inclusiva.

O prazo de inscrición estará aberto ata o día 10 de novembno a través da páxina web www.deportesourense.com. A cota para a categoría absoluta é 7 euros. Para os colexios, as inscricións de grupos de escolares está aberta ata o día 2 de novembro.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button