CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O prazo de matrícula nas escolas infantís públicas autonómicas estará aberto ata o 12 de abril

A rede autonómica ofrecerá o ano que vén 41 prazas máis, ata acadar as 10.383, grazas á apertura dunha nova escola en Paderne de Allariz

 

Ata o 12 de abril estará aberto o prazo de inscrición para o curso 2021-22 nas 173 escolas infantís da rede autonómica, 26 na provincia de Ourense. Unha convocatoria, que pon á disposición das familias 10.383 prazas, 1.207 na provincia de Ourense.

Así o explicaba o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, durante a visita realizada na mañá deste martes 6 de abril á escola infantil Virxe da Cova na cidade das Burgas. Despois de facer un percorrido polas instalacións do centro, o representante provincial do Executivo galego mantivo unha reunión de traballo con membros do equipo docente.

 

Entrada á escola infantil pública da Rúa./ Foto. Concello da Rúa.

 

O delegado territorial sinalou que, transcorridos sete meses desde o inicio do curso, as escolas infantís teñen demostrado que “se pode impartir este nivel educativo con total seguridade, aínda no contexto máis complicado”. Neste sentido, apuntou que “as nenas e nenos, os profesionais e as familias, respectaron todas as recomendacións sanitarias, o que permitiu que o curso se desenvolvese con normalidade”.

En canto ás 41 prazas nas que se incrementa a oferta do vindeiro curso, apuntou que son o resultado da entrada en funcionamento do centro de Paderne de Allariz. O vindeiro curso será, ademais, o segundo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos en escolas infantís privadas, municipais e de iniciativa social. Así mesmo, a Xunta segue apostando polos recursos de conciliación no rural coa posta en marcha de preto de 100 casas niño repartidas pola Comunidade.

Artigos relacionados

Back to top button