En portadaÚltima hora

O prazo de presentación das obras para o VI Premio de Poesía FDG remata o 29 de setembro

Anxo Baranga será o presentador da gala de entrega de premios, no mes de outubro

Publicidade
Presentación do IV Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán no Concello de Vilamartín.

 

O Salón de Plenos do Concello de Vilamartín de Valdeorras collía esta mañá a presentación, por parte do proxecto comarcal As Letras de Florencio, as bases e o cartel deste ano do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Un galardón creado hai catro anos para “promover a creación literaria e tamén reivindicar a figura do poeta de Córgomo de cara ás Letras Galegas”.

O segundo obxectivo xa está cumprido pero o certame poético, un dos máis importantes de Galicia a nivel de dotación económica, consolídase e celebra neste 2022 a súa cuarta edición que conta coa colaboración da artista plástica ruesa Carina Rodríguez.

 

 

Na presentación, o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, foi o encargado de explicar as características do premio que son similares ás doutros anos: poemas inéditos, en galego e cunha extensión máxima de entre 15 e 90 versos. Ten un premio único de 3.000 euros e poderase presentar calquera persoa que non fose gañadora en anteriores edicións.

Ademais do alcalde de Vilamartín, a presentación contou tamén coa asistencia da alcaldesa de Petín, Raquel Bautista; da concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta; do concelleiro de Deportes e Tempo Libre de Vilamartín, Manuel Sánchez; do presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; e de Carina Rodríguez, autora da imaxe do cartel.

 

Os asistentes á presentación co cartel desta edición do premio.

 

O prazo de presentación dos traballos poéticos comezará en canto as bases se publiquen no Boletín Oficial da Provincia de Ourense, previsto para os próximos días, e permanecerá aberto ata o 29 de setembro. A Deputación de Ourense é, precisamente, o principal respaldo económico que ten este premio e a ela se dirixiu Aurelio Blanco, presidente do IEV, para agradecer o apoio e suxerir que se incremente nos próximos anos para facer deste certame “o principal premio de poesía de Galicia”.

Unha das novidades que ten esta cuarta edición é que a obra premiada non se difundirá ata a gala de entrega do premio, na que coma sempre se recoñecerán a tres finalistas e máis un gañador. Este ano o evento regresa ao Teatro Lauro Olmo do Barco e a súa concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, destacou que o mestre de cerimonias no ano das Letras de Florencio será Anxo Baranga polo seu compromiso e traballo a prol das Letras de Florencio e tamén das artes vivas en Valdeorras. “Mandámoslle toda a nosa forza, porque pasou un problema de saúde, e queremos que estea listo para esa gala de outubro na que queremos recoñecerllo o traballo que fixo el e mais o colectivo teatral que impulsou para divulgar a figura de Florencio delgado Gurriarán”.

As bases do concurso poden consultarse aquí: Bases

Artigos relacionados

Back to top button