ColaboraciónsOpiniónÚltima hora

O pregón da 45 Festa da Bica de Trives

O trivés Francisco García “Farruco”, historiador e director do IES Xermán Ancochea, foi o pregoeiro desta edición
Francisco García, historiador, director do IES Xermán Ancochea e fillo de biqueiros. /Foto: Carlos G. Hervella.

Boas tardes a todos/as e benvidos a esta 45 edición da Festa da Bica en Trives. En primeiro lugar, gustaríame agradecer a oportunidade que o Concello me dá para facer de pregoeiro nesta festa e en especial a Domingo, o alcalde, que pensou que eu podía facer esta locución por ser fillo de biqueiros e ter unha especial sensibilidade cara a historia de Trives. Grazas Domingo, para min é un gran orgullo poder dirixir unhas palabras, sobre todo porque en certo modo, a historia da bica forma parte tamén da miña infancia.

Hoxe para os triveses e trivesas é un día moi especial no que non só poñemos en valor a bica manteigada como o noso emblema gastronómico, senón que tamén é un momento de recordar e homenaxear a todas as persoas que de unha maneira ou de outra, loitaron por dignificar e dar a coñecer este doce alén destas terras.

Ao falar da bica, unha das primeiras preguntas que nos ven á cabeza é cal é a súa receita tradicional. Os ingredientes que leva a bica son: manteiga de vaca, masa fermentada de pan, ovos, azucre, fariña e canela. Para facer unha bica grande utilízase medio quilo de masa, 400 gramos de manteiga cocida de vaca, isto bátese e engádeselle unha ducia de ovos e un quilo de azucre, despois mestúrase todo xunto para ligar o batido e engadirlle finalmente 400 gramos de fariña de trigo tamizada para evitar grumos. O segredo dunha boa bica está na maneira de mesturar estes ingredientes, na calidade da materia prima e na cocción.

Outra das preguntas que nos plantexamos sempre é en torno a súa orixe e evolución. É difícil precisar a orixe da bica, debido a que se trata dun doce popular que pasou de xeración en xeración como unha transmisión oral, pero si existen unha serie de factores que propiciaron que a bica deixara de ser unha produción doméstica para ser un produto comercializado. En primeiro lugar, en todas as áreas de montaña do oriente ourensán a maior parte da poboación se adicaba ás actividades agrícolas e gandeiras, fago referencia a isto porque un dos ingredientes da bica, e quizais o máis importante para a súa elaboración, é a manteiga de vaca, que é a que lle proporciona ese característico sabor.

Durante o século XX o número de cabezas de vacún era moi superior ao existente na actualidade a pesar de que o número de reses por explotación familiar eran moi baixos. Segundo os datos dos diferentes censos gandeiros as provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra eran, xunto Asturias e Cantabria, as áreas peninsulares nas que existía un maior número de cabezas de gando vacún. A pesar de que gran parte deste gando tiña como destino a produción de carne, unha porcentaxe moi representativa estaba destinada á produción de leite. En consecuencia a manteiga era un elemento moi común en todas as casas e ao que se lle deu diferentes usos. Outro dos ingredientes da bica é a masa fermentada, as características climáticas de esta zona condicionan os cultivos, e o produto máis común en todas as casas era o centeo e o trigo, que se utilizaban para a fabricación de pan caseiro e alimentar ao gando. En conclusión, en todas as casas eran abundantes os produtos cos que despois se fixo a bica. Pero a bica non trascendeu o ámbito doméstico ata mediados do século XX cando se crean as empresas que a van comercializar.

 

Farruco coa súa familia no xantar da 45 Festa da Bica./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

En Trives as primeiras confiterías para a fabricación e venda de bica datan dos inmediatos anos de postguerra e foron a Confitería Luciano, a Confitería Farrapa e a de Carmen Perejil. A máis antiga producindo bicas foi Carmen Perejil, confitería situada na actual rúa marqués de Trives moi próxima á praza do reloxo. Non tiña forno propio e servíase das panaderías que existían para cocer a súa bica  e mantivo actividade entre 1940 ao comezo da década dos 70. A confitería Luciano iniciouse na década dos corenta e foi sen lugar a dúbidas a gran embaixadora da bica, era tanta a súa fama que só nomear Trives en calquera localidade, todos e todas recordaban a famosa bica do Luciano. Unha anécdota moi curiosa da Confitería Luciano data do ano 1962: dous redactores da revista “La Codorniz” pasaron por Trives e pola fama pararon a mercar dúas bicas no Luciano e decidiron probar a bica durante a viaxe. A pesar de estar xa moi lonxe de Trives decidiron voltar novamente para mercar máis bicas. Esta anécdota quedou plasmada na propia revista ese mesmo ano.

A confitería Farrapa foi creada polos pais de Maruja e Pastora, pero a fama acabouna acadando polas famosas bicas de Maruja. Esta confitería tiña a fama de ter a bica máis exquisita e todos os triveses querían saber como a fabricaban, converténdose no segredo mellor gardado da historia da Bica. Maruja nunca dixo como fabricaba a bica porque era coñecedora de que a súa era a máis saborosa. Tanto o Luciano como a Farrapa iniciáronse cocendo nos fornos das panaderías, pero a principios dos anos 60 crearon os seus propios fornos.

A comercialización da bica esténdese a partir dos anos 60. Naqueles anos Trives estaba comunicada a través da nacional 120 que unía Logroño con Vigo (unha das vías de comunicación máis importantes da rede de estradas do norte peninsular), que era o enlace de transporte entre Galicia e a meseta. De ahí que todos os establecementos da bica estaban situados na rúa principal do pobo. Nesta década a confitería Luciano foi a que comezou a comercializar a bica fora de Trives, empezando por introducir o produto en Ourense e outras cidades galegas como Vigo. Debido á popularidade que adquire a bica durante estes anos as panaderías Almendro e Caneda comezan a fabricar bicas a finais dos anos 60. A panadería Caneda creouse en 1899 e estivo activa varios anos e despois pechou retomando a actividade a principios dos anos 60. Hoxendía é a panadería activa máis veterana. A súa bica grande adquiriu tamén unha gran fama sendo moi apreciada e valorada. A panadería Almendro creouse a finais dos anos vinte e tivo actividade durante dúas xeracións ata que o 31 de decembro de 1993 pechou as súas portas.

En canto ás panaderías do pobo, sinalar que no século XX  foron as máis antigas o Forno Novo de Agustín Blanco, a panadería de Cesáreo na calle do Río, a panadería Salgado “Pan francés”, a do José de Queixa e as citadas Caneda e Almendro.

A finais da década dos 60, concretamente en 1968 nace en Ferrol o primeiro intento incluso de crear unha industria biqueira fora das terras de Trives. Foi un proxecto empresarial emprendido polos irmáns triveses Alejandro e Bernardino Rodicio co obxectivo de dar a coñecer e vender a bica de Trives nas áreas de Ferrol e A Coruña. Esta empresa comercializou a bica co nome de “Biquiña” e durou tan só dous anos chegando a vender en casa Claudio. Para a elaboración de estas bicas contaron coa colaboración de Inés “a bolinchera” que estivo ensinándolle durante dous meses a facer bicas seguindo a receita tradicional.

 

Farruco co pregón desta edición da Festa da Bica de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A principios dos oitenta creouse a panadería Álvarez rexentada pola familia de Amando e que estivo activa ata fai dous anos. A panadería Álvarez  ten o record Guiness da bica máis grande fabricada ata o de agora en colaboración coa panadería Caneda, e incluso, poderíamos dicir que durante a súa actividade a bica conquistou ata o espazo aéreo xa que os empregados da empresa Privilege de aviación recibiron durante moitos anos como agasallo de de nadal as bicas de Trives.  Uns anos despois creouse a panadería GARCÍA co que ademais de desfrutar da bica podíase adquirir outro dos produtos gastronómicos de gran calidade na comarca como é a carne de tenreira.

Os anos 70 e principios do oitenta foron a época dourada da bica que, debido principalmente ao desenvolvemento do transporte chegando a ser comercializada en moitos lugares da península. Nos oitenta xurde un novo proxecto empresarial a Confitería Mirasierra, que xunto coa produción de pasteis trataba de dar a coñecer a bica en moitos máis lugares.

Outro factor importante no impulso da bica foi protagonizado por moitos triveses e trivesas que vivían fora, serviron de enlace para a comercialización de bicas nas cidades onde residían e unido ao espírito emprendedor dos artesáns, a bica deu o salto definitivo como un dos emblemas gastronómicos de Galicia. Así, durante os anos 90 prodúcense os primeiros intentos de darlle un recoñecemento especial á bica como produto xeográfico protexido e o auxe das tan coñecidas denominacións de orixe, danse os primeiros pasos cara unha posibilidade de chegar a unha produción cooperativista que non chegan a fructificar.

Durante esta década en 1996 nace a empresa Bica de Trives que se plantexou como obxectivo prioritario dar a coñecer a bica en toda España e incluso no estranxeiro participando en un gran número de feiras gastronómicas e de mostras e abrindo novos mercados para a bica, o seu pulo foi moi grande porque dende a súa fundación non houbo feira en Galicia na que non había un Stand de Bica de Trives.  Durante eses anos o concello tratou de dar un gran impulso á bica promocionándoa en diferentes feiras turísticas como FITUR e impulsando iniciativas na promoción de este doce. Nace en aquel momento unha iniciativa dos empresarios triveses, a creación de FEITIAGRA, que tiña como un dos obxectivos a apertura de novos mercados para a bica.

Coa chegada do novo milenio o número de empresas que xurdiron na fabricación da bica creceu exponencialmente, hoxe en Trives fabrican bicas moitas panaderías e confiterías como son o Caneda, Bica de Trives, Panadería Terras de Trives ou o forno do Jose, a Panadería O Campo, e o Forno da María. Na actualidade a bica enfróntase aos novos retos do mercado, cada vez máis complexo e diverso.

Todos e todas eles e elas foron abrindo novos mercados ata o punto que non hai cidade ni pobo galego onde non esté presente a bica de Trives e diversas cidades do resto de España nas que a bica ten cada día máis aceptación e venda. Ao longo de estes anos moitos restauradores e hosteleiros tamén fixeron bica nos seus establecementos para converter os almorzos nunha tentación irresistible para os seus clientes.

Pero o que hoxe nos trae aquí é a festa da bica. Cumpre nesta edición 45 anos, pero está máis xove que nunca. Debido a gran fama que acadou a bica nos anos 60, os diferentes biqueiros e as corporacións decidiron crear esta festa que nacía no ano 1973, coincidindo coa alcaldía de César Fernández, e que tivo como principal emprazamento durante décadas a estación de montaña de Manzaneda. Un ano antes nacía MEISA, o 19 de maio de 1972 que inicialmente fora bautizada co nome de Manzanoble, pasando pouco despois á denominación de Cabeza Grande ou estación de Manzaneda.

 

Algúns dos premiados coa Bica de Ouro 2018. Farruco, co seu fillo Iago (esquerda)./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A estación de montaña pasou a ser unha referencia pola que Trives era coñecida en Galicia e fora da comunidade autónoma e aproveitando a chegada de turistas á estación, decidiuse dende a primeira edición que o emprazamento ideal para a conmemoración da festa da bica era o alto da cabeza grande e a data a celebrar a festa o último domingo do mes de xullo. Dende ese ano primixenio a festa non so era a exaltación da bica senón que tamén se converteu nunha romaría que reunía a familias e amigos que coas súas viandas se dirixían a Manzaneda a desfrutar dun dos días máis bonitos do verán. Para moitas familias que vivían en outras cidades ou pobos de España ou ben no estranxeiro, esta festa significaba o inicio das súas vacacións estivais de retorno á súa terra. E na memoria de todos eles esta festa pasou a ser unha data ineludible dos veráns para reencontrarse cos amigos/as da infancia.

Esta festa consistiu en dar racións de bica, queimada e licores a todos e todas as persoas que se achegaban por centos a Manzaneda para desfrutar dunha xornada festiva de disfrute dun entorno espectacular. Outro dos atractivos turísticos que tivo a propia festa da bica foi a celebración durante máis de dúas décadas do campeonato galego de bandas de gaitas, centos de gaiteiros e gaiteiras de toda a xeografía galega e dos centros galegos de outras comunidades participaban ese día no que era a fase final do campeonato anual nas diferentes ligas de bandas de gaitas. Sinalar en este senso, que a coordinación entre os concellos de Manzaneda e Trives diu como resultado uns certames moi concurridos e que viñan a afortalar o inmenso atractivo que tiña esta festa. Proba de isto era que a propia Televisión de Galicia retransmitía a festa da bica e o campeonato de gaitas durante toda a mañá na súa programación, de modo que centos de galegos desfrutaban dunha mostra de patrimonio inmaterial de Galicia nas vertentes gastronómica e musical. Incluso se realizaron moitos campeonatos deportivos o mesmo día da festa como os campeonatos de tiro ao prato ou campeonato galego de escalada.

Son moitos os esforzos feitos ata o de agora e moito o traballo desenvolto, pero a proxección da bica debe continuar e os artesáns e institucións deben afortalar a imaxe da bica e da nosa comarca nun mundo no que o turismo e a gastronomía son unha das principais fontes de ingresos.

A bica convírtese nun tándem perfecto cando se combina con Herbas ou licor café, non hai festa, comida familiar ou xuntanza de amigos na que non esté presente a bica acompañada da súa parella inseparable: o roscón. E incluso non hai trivés ou trivesa que non teña regalado ou enviado unha bica como recordo de estas terras. Iso é o que celebramos hoxe que en certo modo todos e todas somos grandes embaixadores da bica e nos sentimos moi orgullosos de ela. Voltando a estes recordos de infancia todos temos presente ese olor das tardes nas que as panaderías fan bicas, non hai trivés ou trivesa que non teña presente ese recordo alá onde se encontre. A última anécdota sorprendente leveina estes días, cando indagando datos sobre a bica atopei que incluso hai unha receta da Thermomix para poder elaborar a bica de Trives.

Esta breve historia da bica é un homenaxe para todas as persoas, empresas e organismos que trataron de dar a coñecer a bica. De todos estes esforzos individuais naceu un beneficio colectivo, que foi o de convertir á bica na gran embaixadora de Trives. Disfrutemos desta xornada festiva e que nos aproveite a todos e todas.

Texto: Francisco García Sánchez.

Artigos relacionados

Back to top button