ConcellosRibadaviaÚltima hora

O pregón de José Ramón Estévez enceta a 58ª Feira do Viño do Ribeiro

Desenvolverase ao longo desta fin de semana en Ribadavia e terá un formato presencial e virtual

 

Cun pregón cun marcado carácter histórico, a cargo de José Ramón Estévez, historiador de Ribadavia e persoa moi vencellada á investigación e a promover a cultura no Ribeiro, inaugurábase de xeito oficial na tarde do 28 de maio a 58ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se retoma tras o parón do 2020 por mor da pandemia e que, nesta ocasión, terá un formato mixto (presencial e virtual) e contará coa participación de 27 adegas e colleiteiros da D.O. Ribeiro.

O acto inaugural tiña lugar na terraza da sede oficial do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, en Ribadavia, e contaba coa asistencia de diversas autoridades, entre elas o conselleiro de Medio Rural, o delegado do Goberno en Galicia, a alcaldesa de Ribadavia e o presidente do CRDO Ribeiro.

 

O presidente do CRDO Ribeiro, Juan Casares.

 

O conselleiro do Medio Rural, José González, defendía na súa intervención “o carácter propio e distintivo dos viños do Ribeiro” que se materializa, ademais, “na aposta dun conxunto de adegueiros” que decidiron no seu día concretar os seus esforzos co obxecto de defender e promocionar un determinado concepto de viño”.

 

O pregoeiro da feira, José Ramón Estévez.

 

Así mesmo, destacaba o camiño desenvolvido por estes adegueiros, co único propósito de “elaborar viños de calidade, personalidade e arriago á nosa terra, a través do respecto á tradición”. Esta intención, dixo o conselleiro, esténdese ata o día de hoxe, no que a Denominación de Orixe Ribeiro se consolidou como a segunda de Galicia en volume de produción.

 

O conselleiro do Medio Rural.

 

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, animaba aos colleiteiros e empresarios do viño do Ribeiro a sumar as oportunidades que ofrecerá o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España para modernizar e internacionalizar a súa produción. Tamén instou a tódalas administracións a camiñar xuntas para engrandecer a denominación de orixe máis antiga de Galicia: “Se traballamos xuntos, ou Ribeiro será futuro”, dicía.

 

A alcaldesa de Ribadavia.

 

O delegado tivo tamén palabras de felicitación cara o Concello de Ribadavia e o Consello Regulador da Denominación de Orixe pola organización da mostra deste ano: “O mellor escaparate para o Ribeiro nun escenario inigualable, que son as rúas e prazas de Ribadavia”.

 

O delegado do Goberno en Galicia.

 

O programa

Como novidade, nesta edición Willy Gómez (do Moon 93 Bar&Cocktail de O Carballiño), campeón de España e subcampeón de Europa de coctelería na modalidade “skill”, impartirá un obradoiro de coctelería con viños do Ribeiro.

Para os amantes dos xogos de escapismo chega o “Ribeiro Escape”, unha versión de escape hall especialmente adaptada ao viño do Ribeiro e na que os participantes deberán resolver os enigmas que se lle poñan durante a proba para chegar ao final da partida.

O sábado será o día escollido para que a actriz Iria Sobrado leve a cabo unha “performance” moi especial co seu espectáculo “Brinde”, no que con un só espectador e durante dez minutos vivirá unha conexión única e directa. Cando caia a noite sobre Ribadavia, proxectarase sobre a fachada do Castelo un espectáculo de Videomapping. Cada noite as proxeccións serán diferentes e prometen ser moi especiais e espectaculares.

Finalmente, a programación complétase con conferencias, relatorios e mesas de debate, así como obradoiros de maxia e globoflexia para os máis cativos, Sons do Viño, e visitas guiadas ao Museo do Viño de Galicia, ao Castelo de Ribadavia e tamén se poderá visitar a botella xigante da FVR na Alameda. Varias destas accións serán retransmitidas a través da aplicación para que calquera persoa, independentemente do lugar do mundo no que se atope, poda seguir e coñecer o que se leva a cabo na FVR.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button