En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O pregón de Mencía Yano abre a IX Feira de 1812 en Petín

A praza e arredores regresa ao século XIX nesta fin de semana cunha mostra de artesanía e gastronomía, que se complementa con diversas actividades, entre elas a música

 

Dende as doce da mañá deste sábado 4 de xuño, Petín viaxa varios séculos no tempo para trasladarse á época da Constitución de Cádiz. A vila acolle a IX Feira de 1812 que lembra eses acontecementos históricos e que inclúe unha ampla e variada mostra de artesanía e gastronomía, facendo especial fincapé nos viños valdeorreses, que poden degustarse en diferentes casetas.

En total son uns 40 os postos que ao longo da fin de semana se poderán visitar, nesta ocasión na praza e arredores, en lugar do casco antigo onde se celebraron as anteriores edicións. E era precisamente na praza, sobre o escenario no que esta noite actuará a Sonora Petinesa, onde se inauguraba oficialmente a feira coa lectura do pregón a cargo de Mencía Yano ou o que é o mesmo Ofir Enríquez, escritora e filla adoptiva de Petín onde reside dende hai tres décadas.

 

Un momento do pregón.

 

Lembrando a súa chegada a Petín hai máis de trinta anos, onde se namorou “do pobo e do meu home”, comezaba Ofir o seu pregón, escrito coa axilidade e énfase que caracteriza a súa palabra (é autora de nove novelas, de estilo romántico e erótico pero tamén social), loando as bondades desta vila “acolledora”. Lembrando o dito “fun a Petín e repetín” e, notablemente nerviosa por ser a protagonista do acto, Ofir destacou a ubicación “en pleno val de Valdeorras co viño como sinal de identidade e á beira do Sil”, con boas vistas de día e sobre todo de noite.

A pregoeira, moi querida e aprezada pola veciñanza, non se esqueceu das aldeas do municipio como Mones ou San Paio “os balcóns do val”, facendo un guiño ás compañías eólicas “que ás agachadas pretenden sementar os arredores con muíños de vento”, Freixido de Abaixo, Santa María, Portomourisco,… No seu descurso non quixo deixar de lado a historia de Petín, nin a vinculación co cine, sendo cuna de directores e produtores, como Ignacio Vilar, Domingo Díaz ou Alfonso Blanco.

 

Un soldado francés.

 

Ofir non quixo rematar sen dar unhas pinceladas sobre a historia de Petín “que se remonta aos gigurri, un pobo castrexo que posteriormente foi dominado polos romanos que viñeron ao reclamo do ouro destas terras”, dico. Logo virían os suevos, máis tarde os visigodos ata que coa Guerra de Independendia chegaron as tropas francesas, tendo nos valdeorreses un duro adversario que se “alzou con todas as súas forzas contra os invasores sendo, segundo contan os historiadores, o ano 1809 o máis negro da historia de Valdeorras e aí”, destacou Ofir, sendo en Petín “onde as mulleres protagonizaron unha valerosa acción téndolles a espera na ponte acuchillando a canto soldado ousaba pasar por alí”.

 

Teresa Valcarce, Ofir Enríquez e Raquel Bautista.

 

Con esta lembranza á data que Petín conmemora esta fin de semana, e a entrega dun ramo de flores por parte da alcaldesa Raquel Bautista, remataba o acto entre sonoros aplausos. Xunto á pregoeira, os Bois de Mario coparon a atención dos asistentes nesta mañá de sábado, achegándose aos mansos animais para facerse fotos e mesmo acariñalos.

Para esta noite, á partir das 22:30 horas está prevista a cea popular no Teleclub e xa sobre as 00:30 horas actuará a orquestra local Sonora Petinesa.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button