En portadaÚltima hora

O pregón de Silvia Rodríguez abrirá a XXIV Festa das Covas de Vilamartín

Será na tardiña do 5 de agosto durante a chamada ruta "Pequena" pensada para os coveiros

Silvia Rodríguez, nunha edición da Festas das Covas de Vilamartín./ Cedida.

 

Coñece o mundo da viticultura e das covas moi de preto. “De aí vén toda a miña familia”, resalta a coveira Silvia Rodríguez, que o vindeiro venres 5 de agosto convertirase na primeira muller pregoeira da Festa das Covas de Vilamartín.

Este acto terá lugar no marco da chamada Pequena, unha celebración só para coveiros e achegados, que se fará o 5 de agosto na zona de Cerdeirais. Antes, a partir das 16:30h. de-senvolverase a tradicional guerra da auga na praza de Vilamartín, na que tampouco faltarán os inchables. Logo, ás 20:30h. virá o pregón de Silvia Rodríguez, que no seu dicurso ten pensado partir da memoria da familia “para reivindicar o papel da muller nas covas e no mundo do viño en xeral”, adianta.

Esta docente vilamartinesa practicamente medrou coa Festa das Covas e, ademais de desfrutar deste evento, tamén se ten implicado colaborando na apertura de covas. “A primeira cova que abrimos na familia foi a do meu avó, a Cova do Vicente, que agora é da miña tía. Logo intentamos colaborar con aqueles coveiros que ese día prefiren vivir a festa doutro xeito, entón o meu irmán e máis eu, ofrecémonos voluntariamente a abrirlles a cova”.

Resalta que, dende o outro lado da festa tamén se desfruta dela. “Unha das cousas máis bonitas de ser coveira é comprobar a cantidade de xente que quere saber máis da historia das covas, da súa función ou dos obxectos que hai no seu interior. E poder explicarlles esta parte da historia de Vilamartín é moi fermoso. E logo, por suposto, a parte de festa, ver que a xente o pasa ben, que se poñen a cantar e ti úneste a eles… resulta moi divertido”. Tras o pregón, virá a homenaxe aos coveiros e, ás 21h. farase a apertura das covas, con cantos de taberna e algunha charanga e, a partir das 00h., a discomóbil Sandalia.

Artigos relacionados

Back to top button