ConcellosÚltima hora

“‘O pregón vai ser festivo pero tamén reivindicativo”

O historiador valdeorrés Antonio Castro Voces abrirá de forma oficial na noite do 11 de setembro as Festas do Cristo
Antonio Castro Voces, pregoeiro do Cristo 2014./ Foto: Carlos G. Hervella.
Antonio Castro Voces, pregoeiro do Cristo 2014./ Foto: Carlos G. Hervella.

Malia ser natural de Quereño (Rubiá), onde reside, Antonio Castro Voces ten xa dende neno unha forte relación co Barco. Nesta vila realizaba os seus estudos de secundaria, formando parte da primeira promoción do hoxe IES Martaguisela. Despois licenciábase en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago e encetaba unha intensa actividade como investigador da historia valdeorresa, tomando parte en diversos congresos e simposios, impartindo multitude de conferencias e realizando diversas publicacións.

Entre elas destacan libros como El Santuario de As Ermitas. Estudio histórico-artístico, económico, socio-religioso y educativo 1624-1990 (IEV, 1999), no que retomaba o tema da súa tese de licenciatura en 1983; Valdeorras a mediados del siglo XVIII a través del Catastro del Marqués de la Ensenada (IEV, 1993) co que lograba o Premio Tertuliano Hervella; Os viños de Valdeorras. Denominación de Orixe (Editorial Nigra, 1995), Segadores de Castela, escravos de sol a sol (Asociación de Segadores, 2003) ou Valdeorras, cultura e viño (Alcántara, 1991).

“A miña ligazón co Barco é de sempre, estudei aquí e a actividade intelectual e investigadora que teño desenvolvido foi aquí en boa medida”, destaca. Sen embargo, confesa que a súa escolla como pregoeiro resultoulle toda unha sorpresa. “É un orgullo que pensaran en min”, confesa. Tamén adianta que no seu pregón non se vai falar de historia, que terá un carácter festivo pero tamén “un tono reivindicativo, chamando a atención sobre os problemas que ten Valdeorras, que se van acentuando cada vez máis”. Nel non cobrará ademais protagonismo a poesía. A cita será o xoves 11 de setembro ás 21h. no Teatro Lauro Olmo do Barco.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Cristo de O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button