ConcellosÚltima hora

O presidente da FEGAMP, Alfredo García, reúnese co conselleiro de Facenda

Este encontro produciuse no día de hoxe, 2 de agosto, en Santiago de Compostela
Durante o encontro.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alfredo García, reuniuse no día de hoxe, 2 de agosto, co conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. O obxectivo deste encontro foi o de trasladar a proposta de garantir que toda a poboación galega dispoña de servizos financeiros no seu concello, de modo que dispoñan dun caixeiro automático no seu municipio e poidan acceder tamén a servizos de asistencia financeira e de formación en banca electrónica.

Segundo os datos do Banco de España a 31 de decembro de 2018, un total de 41 concellos galegos –o 13% do total– carecen dunha entidade de crédito. A provincia máis afectada é a de Ourense, onde non teñen servizos financeiros 25 municipios nos que residen 26.373 habitantes. Os 25 concellos son Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Piñor, Punxín, Baltar, Os Blancos, Porqueira, Rairiz de Veiga, Trasmiras, Taboadela, A Arnoia, Beade, Carballeda de Avia, Cenlle, Melón, A Bola, Pontedeva, Verea, Chandrexa de Queixa, Larouco, Petín, Castrelo do Val, Monterrei e Oímbra.

O presidente da FEGAMP expresou o seu compromiso de trasladar a todos os concellos o protocolo de colaboración que elaborarán ambas entidades, para que aqueles concellos interesados que así o decidan de xeito voluntario subscriban un convenio coa Administración galega. O conselleiro de Facenda tamén trasladou ao presidente da FEGAMP que o compromiso do Goberno galego é asumir de xeito maioritario o custo deste servizo pioneiro.

Artigos relacionados

Back to top button