OurenseÚltima hora

O presidente do COE, Alejandro Blanco, recibe o Premio Ourensanía 2021 como “exemplo de valores deportivos “

O acto solemne celebrábase no Teatro Principal

 

O presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco, recibiu hoxe o Premio Ourensanía 2021 no transcurso do tradicional e solemne acto que se celebra no Teatro Principal da cidade coincidindo coa festividade de San Martiño, patrón de Ourense, e que contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, así como coa presenza do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices. Todos eles acompañados por representantes dos ámbitos institucional, cultural, económico e social da provincia e do resto de Galicia, pero tamén cunha importante asistencia de representantes de federacións deportivas pertencentes ás modalidades que tiveron e terán destacadas competicións en territorio ourensán como o remo, piragüismo, ciclismo, balonmán, atletismo ou bádminton.

Alejandro Blanco recibiu o Premio Ourensanía 2021, segundo recolle a acta do xurado, “por toda unha traxectoria vital e profesional dedicada ao mundo do deporte, tanto desde a práctica persoal como polo seu destacado papel na defensa do labor que realizan as federacións deportivas, pero sobre todo como firme valedor do movemento olímpico, o que lle valeu o recoñecemento ao seu traballo por parte do Comité Olímpico Internacional”.

Manuel Baltar afirmou que, con este galardón, “recoñecemos en Alejandro Blanco un exemplo dos valores deportivos, o sacrificio, o afán de superación, o traballo en equipo, e do compromiso cunha terra que fabrica medallas”. Hoxe, sinalou, “entras nunha relación de gañadores do Premio Ourensanía con total xustiza, unindo o teu apelido a outros ilustres desta terra como Barreiros, Prego ou Taín, porque, ademais da túa exitosa traxectoria nacional e internacional sempre exhibes con orgullo a túa condición de ourensán”. No galardoado, destacou o presidente provincial, “vemos ao xestor deportivo internacional, chamado para lograr consensos e solucionar conflitos, á persoa de concordia” que por quinta vez consecutiva vai liderar o Comité Olímpico Español. “Tiña que ser un de Ourense”, dixo.

 

Alejandro Blanco durante a súa intervención.

 

Como persoa distinguida “para que sigas sendo exemplo de compromiso e bonhomía ourensá”, pediulle Baltar que “alumees propostas e apoies as nosas no desenvolvemento do deporte en Ourense, nunha provincia onde implantamos un ecosistema de turismo deportivo no que teñen cabida desde a estación de montaña de Galicia, Manzaneda, ata o Parque Náutico de Galicia en Castrelo de Miño; onde veñen seleccións internacionais de remo e piragüismo a preparar os Xogos Olímpicos e campionatos internacionais; o Ourense capital do hóckey en Galicia; a candidata a sede do Campionato Europeo de Balonmán en 2028; ao Ourense do ciclismo”. A unha provincia, en definitiva, “dos clubs e deportistas que tantos éxitos e orgullo de seu nos teñen dado durante toda a historia”. E desde hoxe, engadiu “contigo a Ourensanía será máis rápida, máis alta e máis forte”, facendo así referencia ao lema do olimpismo.

Agradecido “por nomearme como un cidadáns embaixadores de Ourense”, Alejandro Blanco lembrou a súa historia de barrio na capital, “feliz e despreocupado”, e como descubriu o cine no propio Teatro Principal, asegurando que grazas a este premio crea “un novo vínculo con esta terra, tendo o privilexio pero tamén o deber de asumir este novo cometido, que prometo exercer con orgullo, representando a Ourense a todos os seus cidadáns, en España e no resto do mundo, do mesmo xeito que represento ao olimpismo no 206 comités olímpicos do mundo”.

 

O presidente da Deputación Manuel Baltar dando o discurso.

 

Blanco invitou aos presentes a reflexionar sobre a transcendencia da palabra cidadanía “como identidade de ourensáns e de dous dos seus máis importantes valores: o traballo e o esforzo”, subliñando que a Ourensanía “non ten fronteiras e xunto coa nosa lingua, cultura e gastronomía é un patrimonio que debe ser compartido co resto da humanidade”. Apelou ao futuro, pedindo que se manteña “o empeño de construír esa cidade e provincia termal, para deixar unha herdanza ás sucesivas xeracións e darlles un motivo de orgullo para seguir ligados a esta terra, de tal xeito que veñan as oportunidades de traballo, riqueza e prosperidade”, ao tempo que pediu a Manuel Baltar que persista “no seu proxecto internacional, onde o deporte é un cómplice imprescindible”, ofrecéndose a traballar xuntos neste obxectivo.

Alberto Núñez Feijóo falou da Galicia universal de Vicente Risco e as orixes do movemento olímpico sinalando que ambas as dúas citas “teñen como común denominador ao premiado, un ourensán ilustre sen cuxo nome non se entende o olimpismo español e internacional”. Alejandro Blanco, dixo, “é un compendio desas virtudes que permiten que os aneis olímpicos sexan unha bandeira na que nos podamos recoñecer todos”.

O acto de entrega do Premio Ourensanía 2021 principiou cunha recepción oficial no Pazo Provincial, ao que seguiu o tradicional percorrido a pe do premiado e os presidentes provincial, autonómico e do Parlamento galego ata o Teatro Principal, acompañados pola Real Banda de Gaitas. O galardoado recibiu unha figura de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e unha copia da acta do xurado. A gala incluíu a proxección de vídeos sobre a traxectoria persoal e profesional do premiado, de felicitacións de medallistas olímpicos e de Ourense e os seus principais recursos, xunto coa interpretación de dúas pezas musicais a cargo de Natalia Kendra e, para rematar, a interpretación a cargo da Coral de Ruada de “Ourense ao lonxe” e “Ourense no solpor”, himno oficial da provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button