CulturaCulturaÚltima horaVídeos

O presidente do IEV, entre os protagonistas no 2º capítulo da serie web sobre Florencio Delgado Gurriarán

Esta nova entrega da produción da RAG sobre o poeta e activista cultural ao que a institución lle dedica o Día das Letras Galegas 2022 titúlase 'O compromiso e a guerra'

Unha das imaxes de arquivo que aparecen no capítulo.

 

Tras o retrato máis íntimo e familiar do protagonista do Día das Letras Galegas 2022 que centrou o
primeiro capítulo de Florencio Delgado Gurriarán. O soño da Galicia infinda, a serie web da Real Academia Galega afonda no segundo episodio que estrea hoxe no activismo galeguista do poeta valdeorrés e nos anos da guerra civil. Logo de ter que fuxir do seu fogar, Delgado Gurriarán participou na organización da resistencia republicana, escribindo en páxinas como as de Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos, onde viron a luz, entre outros, os seus versos satíricos sobre o golpista Francisco Franco; ou implicándose nos
labores de evacuación cara ao exilio de compatriotas. O episodio que narra esta etapa vital do autor e da historia do s. XX pode verse xa na web da Academia e na canle de Youtube da institución.

O compromiso e a guerra relata como Florencio Delgado Gurriarán inicia a súa actividade política como galeguista en Valdeorras, onde foi un dos principais impulsores das Irmandades da Fala da comarca; a entrada en contacto con intelectuais galeguistas como Otero Pedrayo ou Castelao e a militancia no Partido Galeguista. Co comezo da guerra civil, o avogado poeta tivo que fuxir, primeiro a Portugal e despois a Francia. No ano 1938 chegaría a Barcelona, onde se incorporou á organización na resistencia do Partido Galeguista e desempeñou un papel clave na axuda a refuxiados republicanos, primeiro para saíren de Galicia e despois, cara ao final da guerra, para poñeren rumbo ao exilio en México.

 

O presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado.

 

O episodio vaise tecendo coas palabras do presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado; Elva  e Teresa Delgado, e Lucio Santalla, familiares do autor; o historiador e tamén familiar do homenaxeado Ricardo Gurriarán; e a xornalista Margarita Ledo Andión, o historiador Ramón Villares e o filólogo Xesús Alonso Montero, membros de número da Real Academia Galega.

A serie conta coa colaboración especial do actor valdeorrés Paco Campos, que interpreta poemas de Florencio Delgado Gurriarán. Neste episodio recita Home pequeno-fol de veneno, unha sátira sobre o
ditador Francisco Franco publicada por primeira vez no ano 1938 en Nueva Galicia. Portavoz de los antifascistas gallegos e recollida despois no Cancioneiro da loita galega.

 

Un documento de Florencio Delgado Gurriarán.

 

A narración audiovisual completarase con outros dous capítulos dedicados á poesía e á lingua do autor que a Real Academia Galega estreará cada xoves, ata a semana previa ao Día das Letras Galegas.

 

Artigos relacionados

Back to top button