CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O presidente dos Radiafeccionados de Trives, na presentación do libro sobre o primeiro radioafeccionado galego

Trátase da primeira biografía publicada sobre Blanco Novo, na que o seu autor desvela cuestións tan interesantes como que foi o pioneiro da radiodifusión galega en 1925

A sede do Radio Club Alfa Charlie en Fene (A Coruña) acollía o 24 de novembro ás cinco da tarde a presentación do libro “José Blanco Novo, primer radioaficionado gallego, primera estación móvil de aficionado de España y fundador del servicio de transmisiones de la Guardia Civil (1891-1971)”. O seu autor é Tomás Manuel Abeigón Vidal, EA1CIU. Entre os asistentes a este acto estaba o presidente da agrupación de Radioaficionados de Trives, José María Valladares Estremadouro, EA1CUE.

Durante a súa intervención, Tomás Manuel Abeigón Vidal falaba sobre a historia da radioafección española dende as súas orixes, referíndose a continuación ás principais fontes de información e consulta dispoñibles para os interesados na Radio-Historia. Tamén lembrou como se iniciou na súa actividade investigadora como afeccionado para, posteriormente, centrarse na biografía do protagonista da obra, José Blanco Novo, EAR-28, posteriormente EA4BQ, unha das primeiras e máis relevantes figuras da radioafección española.

Trátase da primeira biografía publicada sobre Blanco Novo, na que o seu autor desvela cuestións tan interesantes como que foi o entón capitán da Garda Civil en Santiago de Compostela o pioneiro da radiodifusión galega en 1925, cando transmitiu concertos e conferencias que foron escoitadas en toda a poboación.

A esta presentación, que resultaba moi interesante e entrañable, acudían radioafeccionados das catro provincias galegas, destacando entre eles, Juan Francisco, EA1EOL, que acompañou ao autor na mesa da presidencia en representación da xunta directiva do Radio Club anfitrión. Tamén estivo o secretario da Unión de Radioaficionados Españoles da Coruña, Gustavo Ordóñez, EA1ITG, entre outros.

Despois da presentación, o autor dedicou exemplares aos asistentes que así llo solicitaron. Houbo unha petición de dedicatoria especial para o GATI, grupo de transmisións da Garda Civil de Lugo. Tras o acto, os asistentes puideron desfrutar dun lunch servido na mesma sede do Radio Club e que estivo moi animado.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button