EntrevistasÚltima hora

“O primeiro ano quedei namorado da carreira”

O ciclista Víctor Álvarez Diéguez, natural da Rúa, acadaba a meta da mítica Titan Desert de Marrocos entre os 35 primeiros, superando un reto ao calor, ao deserto e á distancia
Víctor coa dorsal e a placa conmemorativa da IX edición da Titan Desert. /Foto: Carlos G. Hervella.
Víctor coa dorsal e a placa conmemorativa da IX edición da Titan Desert. /Foto: Carlos G. Hervella.

Polas súas características, a Titan Desert by Garmin, é unha carreira aberta a todo tipo de amantes da bicicleta e do deporte, pero sobre todo, do sacrificio. É, por riba de todo a carreira da superación persoal. Trátase dunha competición, si, pero para a maioría é sobre todo un reto. Conseguir o que poucos lograron no mundo, enfrontándose ao duros contrastes do deserto, ao calor e á distancia nas peores condicións imaxinables, e lograr chegar á meta. E se por riba o fas en bo lugar, a satifacción xa e total.

Iso foi o que lle pasou a Víctor Álvarez Diéguez natural da Rúa, que hai uns anos cambiaba o atletismo pola bicicleta de montaña e na súa segunda participación na proba de Marrocos, mantívose sempre entre os 50 primeiros ciclistas, dos preto de 440 inscritos nesta IX edición de 2014.

Para Víctor, que competíu co dorsal 171 na categoría master, resulta difícil explicar “o espírito da carreira, é algo que se vive xa dende que soa o espertador o día que tes que coller o avión, vívelo todo dende o primeiro momento, despois cos compañeros, no campamento…” Unha vez no destino, ante el tiña unha das edicións máis duras da carreira, cun percorrido que levou aos “titans” das montañas do Circo de Jaffar ás dunas do Erg Chebbi, con saída en Midelt e 700 quilómetros de percorrido distribuídos en seis etapas ata chegar á meta en Maadid e obter o maillor de “finisher”, que só lograron 283. Víctor Álvarez non só chegaba senón que o facía no posto 35, superando as súas propias espectativas.

¿Esta era a segunda vez que participabas na carreira, ¿que diferenzas notaches con respecto á primeira?
A clave foi a experiencia. Na primeira non sabía como era e aínda que tamén me preparara, na segunda fíxeno en consecuencia, moito máis, porque é moi dura. Na primeira levaba medo en canto á mecánica, os pinchazos, porque o terreo é todo pedregoso, vas mirando case pedra por pedra para non romper unha roda e ter que parar… A outra gran diferenza deportivamente, foi a bicicleta. O ano pasado levaba unha de toda a vida, de 26 pulgadas de roda, e este ano levei unha de 29 que ao ser moito máis rodadora é mellor porque alí é todo terreo rodador. Hai unha diferenza tremenda. Ademais eu son bastante metódico e outra cousa que levaba moi clara este ano era a comida tanto en carreira como fóra. É algo moi importante. O primeiro ano non sabes ao que vas nin o que te vas atopar, así que o segundo ano fíxeno mellor e os resultados deportivos foron mellores. A experiencia é fundamental.

¿Como te deciciches a participar o ano pasado? ¿Como foi o proceso?
Eu sempre fixen deporte pero estaba máis enfocado cara a carreira, sobre todo media maratón ata que tiven unha serie de lesións nos pés e tiven que reciclarme así que pegoume o “chispazo” da bici, no ano 2011. Coñecía esta carreira pola televisión e tamén por Internet, por publicidade de Reino de Granada, Gaes,… Roberto Eras que gañou catro carreiras de Titan Desert e eu pensei que tiña que facela, como un reto persoal. Así que o primeiro que fixen foi poñerme en mans dun adestrador, algo fundamental porque normalmente ti adestrar saíndo na bici e como quen dí das paus de cego porque todo o mundo que corre en bicicleta ten un adestrador, aínda que sexa boísimo necesita alguén que o guie. En xuño de 2012 púxeme nas súas mans, foi o que me guiou nos temas de adestramento físico e nutrición, e con el sigo ata o día de hoxe.

¿Como te preparaches para esta proba?
Enteira esta é a primeira tempada que fago. Comezas a finais de outubro, novembro coa pretempada, montando en bicicleta dous ou tres días. É fundamental o traballo de ximnasio, traballo de perna e a medida que avanza a tempada, en xaneiro comezan as carreiras e eu fago tres ou catro antes de ir á Titan Desert. O traballo vai aumentando, eu podo facer dende xaneiro ata que comeza a carreira uns 550 quilómetros á semana, de forma progresiva. En xaneiro loxicamente esa carga non a teño pero vas aumentando e facendo unha serie de carreiras. Comezo en Madrid co Open Bike Maratón e despois levo dous anos indo a unha que é promoción da Titan Desert, en Calamocha (Teruel), que se chama Jamón Bike á que vai o 90% da xente que despois fai a Titan. Son dous días, a primeira etapa ten 150 quilómetros e a segunda 70, pero o terreo seméllase moito ao que te vas atopar alí. Despois coa preparación do adestrador á Titan Desert chegas no momento xusto. A primeiros de agosto volvo empezar e este ano acabo coa Madrid-Lisboa, unha carreira de montaña non stop de 780 quilómetros por equipos.

Dicías que a alimentación é básica.
Si pero eu sigo unhas pautas normais, nada excesivo porque teño a miña familia e non podes tomalo ao 100% ademais a min gústame comer, pero cando estou no período previo á Titan, nótase moito seguir certas normas para chegar en boa forma, aínda que claro, quedas máis delgado. É algo ao que lle presto atención pero teño claro cal é o tema deportivo cos retos e obxectivos e o demais, porque eu non son profesional. Á Titan Desert vai xente moi boa de todo o mundo, de feito o que gañou este ano, Ondrej Fojti, é checo e todos máis ou menos teñen os seus patrocinios pero eu non. Eu teño o meu traballo e teño que completar a miña xornada laboral e despois adestrar, e cando non podo adestrar non adestro, e despois a vida familiar.

Víctor durante a 5ª etapa da carreira, o famoso “paso das dunas” duns sete quilómetros que deben facerse a pé. /Foto: Javier M@Titan Desert.
Víctor durante a 5ª etapa da carreira, o famoso “paso das dunas” duns sete quilómetros que deben facerse a pé. /Foto: Javier M@Titan Desert.

¿Cales foron as sensacións desta IX edición da Titan Desert, a segunda para ti? ¿Como é o desenvolvemento desta proba?
A verdade é que o primeiro ano que fun quedei namorado da carreira porque ten un espírito difícil de explicar. Xa dende o momento en que soa o espertador o día de coller o voo, estou na carreira. Son moi metódico por iso quizais unha das claves do éxito desta carreira foi que fixen todo metodicamente, tanto a comida como o día a día da proba. O que engancha da competición é xa o día que te vas. Chegas ao aeroporto e xa impresiona o ambiente que se respira porque son voos chárter e todos imos a iso. O primeiro ano estás un pouco descolocado, non coñeces a ninguén, pero o segundo xa fun cun equipo co que compartín a jaima. Xa no avión vas co espírito da carreira, chegas a Marrocos e o mesmo, montas no bus que te leva ao campamento e ese mesmo día o primeiro que fan e asignarte a jaima onde deixas a maleta. Non durmimos en hotel ata o último día, o campamento está moi equipado e vaise desprazando dende a primeira etapa que parte de Midelt. Despois de deixar a maleta, vas facer á verificación que é onde che dan o dorsal, a bolsa de corredor, a información de tódalas etapas e o chip, e de aí vas ao primeiro briefing que hai tódolos días. Aí explícanche a saída e a etapa do día seguinte, e así día a día.

Haberá unha próxima edición para ti. ¿É ese o obxectivo que te marcas?
Si, será o décimo aniversario e se todo vai ben penso asistir. Farei a Titan Desert e teño outras cousiñas en mente, pero todo tendo en conta que o punto de forma física ten un límite. Tentarei facelo e xa veremos que máis.

A entrevista íntegra pode lerse no número de agosto do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button