CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima horaVídeos

O primeiro miliario con inscrición da Via Nova en Valdeorras afina na localización do Forum Gigurrorum

Realizado en granito da zona e dedicado ao emperador Nerva, marca a milla 85 da estrada romana dirección Astorga, mentres que a mansión de Foro estaba na 81. Este miliario descubríase hoxe xunto á Ponte da Cigarrosa, en Petín

Publicidade

 

Xunto á Ponte da Cigarrosa, no lado de Petín, pode verse dende este mediodía o primeiro miliario con inscrición atopado en Valdeorras e vinculado á Via Nova, unha das estradas máis importantes do noroeste en época romana e que conectaba dúas urbes da época Asturica Augusta (Astorga) e Bracara Augusta (Braga). “Facían a mesma función que os marcos quilométricos nas estradas actuais, chamáselle miliario porque os romanos en lugar de medir en km, que non existían daquela, marcaban en millas, en millia passuum, de aí o nome de miliario”, explicaba no acto inaugural deste fito o arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra.

 

 

Esta peza aparecía durante a realización dunhas obras nunha zona moi próxima á Ponte da Cigarrosa (Petín-A Rúa), propiedade de Manuel Alonso “Pirri”, quen o cedeu ao Concello de Petín para que o exhibise de forma que poida ser desfrutado pola veciñanza e tamén polos visitantes, tal e como destacaba a súa alcaldesa, Raquel Bautista, no acto de descuberta do miliario, tras a súa restauración (realizada por Esculpedra), xunto a membros da Corporación, e outras autoridades como o alcalde do Barco e o concelleiro de Turismo do Barco, Alfredo García e Eladio Santos, respectivamente; o edil rues Avelino Fernández, ou o presidente do IEV, Aurelio Blanco. “Este é dun día histórico para Valdeorras, parabéns para todos porque, aínda que este miliario está en Petín, pertécennos a todos”, resaltaba a rexedora petinesa.

 

 

Ademais do valor arqueolóxico do miliario en si, realizado en granito da Rúa, por ser o primeiro vencellado directamente á Via Nova; está a súa gran importancia documental, é dicir, a información que aporta e que vén a modificar algunhas cuestións sobre esta estrada imperial en Valdeorras.

“O miliario conserva restos de letras, non todo o epígrafe, pero isto non impide que fagamos unha interpretación correcta del. Está dedicado ao emperador Nerva, empezaría por Imperator Nerva, que está en nominativo, unha rara avis porque xeralmente están redactados en dativo, o que son as dedicatorias. Logo veñen unha serie de titulaturas do emperador”, explicaba Santiago Ferrer, quen se dedicou ao seu estudo e tamén xestionou co Museo Arqueolóxico de Ourense, que o miliario puidese permanecer en Petín.

“Nerva gobernou pouco máis dun ano e deixou unha pegada bastante profunda dentro da Via Nova, xa que nela se conserva, xunto con este, outro miliario tamén dedicado a el que está no municipio de Lobios, e logo unha inscrición honorífica coa súa dedicatoria que aparece en San Xoán de Camba, nunha igrexa que está pegada a Castro Caldelas, e que foi trasladada ao Museo de Ourense”, lembraba o investigador vilamartinés.

 

 

O miliario sitúase no ano 97 d.C., tomando como referencia á alusión ao consulado terceiro de Nerva, que aparece no texto gravado. “Está datado entre febreiro e setembro do 97, momento no que se coloca”, dicía Ferrer Sierra, quen tamén asocia o fito coa inauguración da Ponte da Cigarrosa, xa que foi descuberto a uns 200 metros dela.

 

 

¿Onde está o Forum Gigurrorum?

Outra das cuestións nas que vén a incidir directamente a información aportada por este miliario é a da posible ubicación da mansión da Via Nova en Valdeorras, o Forum Gigurrorum. “A milla 85 que marca o miliario o que nos indica é que o Forum Gigorrorum non está na Cigarrosa, senón que está a 4 ou 5 millas en dirección a Astorga, non sabemos moi ben onde. Tampouco nos cadran as distancias, o Itinerario Antonino sitúa esta mansión na milla 81, e este miliario marca a 85, entón temos que percorrer 4 ou 5 millas para alá, porque a mansion podería estar ao principio ou a final da milla 81. Tendo en conta isto, todos os cálculos que botamos sitúan a mansión en Vilamartín, aí hai un xacemento, pero non ten a categoría suficiente como para establecer alí a mansión de Foro, porque xa Ptolomeo no século II di que Forum Gigurrorum é unha polis, e isto xa ten unha consistencia diferente, unha pequena cidade”.

 

 

A partir de aí, este gran experto na Via Nova apunta que “os candidatos á mansión de Foro son dous: o xacemento da Pobra (O Barco) e San Esteban da Rúa, onde tamén aparecen cantidade de restos de importancia como o capitel que apareceu na praza César Conti. Estamos aplicando diferentes medidas á milla para poder concretar algo máis. Hoxe un km ten mil metros, pero antes nas millas romanas había varios tipos de medidas, o que non sabiamos era que na mesma vía se podían aplicar distintos tipos. E así na Via Nova temos rexistradas tres tipos de millas: a clásica que é a de 1.481 m, a de 9 estadios (1.670 m) e a milla de 10 estadios (1.800 m). Andamos aplicando esa distancia para ver como solucionar o problema”, comentaba o arqueólogo.

 

 

Outra cuestión tamén pendente é a de determinar o límite entre territorio dos Tiburos, pobos prerromanos que habitaban daquela as Terras de Trives, e os Gigurros, xa na comarca de Valdeorras, “nós cremos que o límite non está no Bibei, senón no Alto de Cerdeira”.

Deste xeito, o primeiro miliario da Via Nova con inscrición en Valdeorras vén a enriquecer o coñecemento da etapa romana na comarca, pecha algunhas incógnitas, pero abre outras novas que suporán un novo reto para os investigadores desta estrada imperial. “Moitas veces os miliarios axúdannos a comprender e a coñecer un pouco máis o que é a Via Nova pero outras veces complícannos tamén un pouco a situación, como é neste caso”, conclúe Santiago Ferrer Sierra.

Fotos: Carlos G. Hervella

Galería de imaxes en:
https://www.osil.info/o-acto-de-descubrimento-do-miliario-da-via-nova-en-petin-en-imaxes/

 

Artigos relacionados

Back to top button