DeportesÚltima hora

O primeiro partido internacional de fútbol gaélico, este sábado en Ourense

As seleccións de Galicia e Francia enfrontaranse nun dobre amigable no Campo da Universidade
Xogada de fútbol gaélico feminino.

Malia ser un deporte minoritario en España, o fútbol gaélico está collendo cada vez máis forza, representado na provincia de Ourense polo Auriense FG cuxos equipos masculino e feminino compiten na liga galega. E mostra do auxe que está tendo é o partido amigable que as seleccións galega e francesa –Sélection France de Football Gaélique- tanto masculina como feminina, disputarán este sábado 18 de marzo na cidade das Burgas.

Segundo a previsión, ás 17h. dará o comezo o partido feminino mentres que o masculino terá lugar ás 18:30h, no Campo da Universidade de Ourense. As portas estarán abertas dende as 16:30h. e a entrada será de balde “agardando deste xeito unha interesante presenza de afeccionados para coñecer este deporte e vibrar cos combinados galegos e franceses”, aseguran dende o Auriense. Ademais, o partido será emitido en directo pola TVG.

Con respecto á organización do encontro, o equipo ourensán representante na competición galega, anfitrión nesta actividade, agarda que “sexa un pulo importante para potenciar o deporte na nosa cidade”, lembrando que ademais de contar con participación masculina, feminina e tamén mixta, este ano púxose en marcha a primeira escola universitaria de fútbol gaélico en colaboración coa Asociación de Ciencias da Educación (AUCE) e, a finais da tempada anterior, organizou a Copa Galega en Xinzo coa presenza de case a totalidade dos clubs galegos e máis de 300 participantes. “Un excelente traballo que ten como recompensa o primeiro encontro internacional na cidade de Ourense”, conclúen.

Dende a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, organizadora do evento deportivo, aseguran que tanto a galega como a francesa son “dúas das mellores seleccións do mundo, xa que no pasado mundial de Dublín, en agosto de 2016, a selección francesa masculina apeou a Galicia da final (2ª e 3ª respectivamente), mentres que a selección galega feminina superou a Francia na final Shield (5ª e 6ª respectivamente)”, polo que se agardan dous enfrontamentos de gran nivel.

Do Auriense FG forman parte da selección galega, o porteiro Jacobo Dorribo e a media ofensiva Alba Rodríguez.

 

Aliñación do equipo feminino da selección galega de fútbol gaélico.

 

Aliñación do equipo masculino da selección galega de fútbol gaélico.

Artigos relacionados

Back to top button