EconomíaEconomíaÚltima hora

O primeiro xabón hidroalcohólico con leite de burra faise en San Salvador dos Penedos (Allariz)

Bernardo Varela, Elsa Pérez e María López na presentación do Xabón D´Allariz hidroalcohólico./ Foto: Concello de Allariz.

 

A Asociación Andrea, coa colaboración co Concello de Allariz presenta o primeiro xabón hidroalcohólico con leite de burra feito en San Salvador dos Penedos en Allariz.  Así, Xabón D´Allariz vén de crear este produto, que xunta a acción desinfectante do alcohol coa eficacia do xabón para desactivar o virus, ao mesmo tempo que, grazas ao leite de burra, hidrata e nutre a pel. Este xabón hidroalcohólico está ademais enriquecido con manteiga de karité, gran rexenerador e reparador da pel.

Segundo os seus promotores, este produto posúe unha dobre acción. Por unha banda, “ten a capacidade de disolver a membrana graxa do virus, polo que perde a capacidade de adherirse ás células e infectalas. Desta forma o virus vólvese inactivo e é arrastrado pola auga de lavado”, e, pola outra, o alcohol “é capaz de inutilizar as proteínas da envoltura vírica, de maneira que o virus queda inactivo porque é incapaz de penetrar nas células. É efectivo fronte aos fungos e calquera virus con envoltura, como os da gripe ou o actual coronavirus”, aseguran.

Despois de máis de 15 anos desempregando a súa actividade en San Salvador dos Penedos, a Asociación Andrea presenta o seu 10 xabón. Como explicaba Elsa Pérez “a hixiene de mans é a principal vía para evitar o contaxio de COVID-19. Con todo o lavado constante das mans pode facer que as mans estean máis secas do normal, ásperas e mesmo pode aparecer irritación cutánea, é dicir, prurito ou sensación de ardor na pel. Por todo isto o novo Xabón D´Allariz Hidroalcohólico é perfecto para que as mans se manteñan en boas condicións”.

O Xabón D´Allariz Hidroalcohólico comezará a comercializarse este sábado no Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz e a partir da semana que vén nos punto de venda habituais.

Artigos relacionados

Back to top button