OurenseÚltima hora

O programa Seixalbo Cultural 2019 entra na recta final no marco do 40 aniversario da AVV San Breixo

Esta noite representarase a obra "O gran reto" escrita e interpretada por xentes da vila

Cartel do programa Seixalbo Cultural 2019.

 

Desde hai 32 anos e de xeito ininterrompido, Seixalbo (Ourense) remata o verán cunha variada programación para todos os públicos organizada pola Asociación Veciñal San Breixo. Comezou sendo unha Semana Cultural e hoxe e xa todo un mes no que ten cabida a música, o teatro, andainas e viaxes, xornadas de convivencia, festa para a mocidade,…

Coincidindo co corenta aniversario da creación da Asociación Veciñal, unha das máis antigas de Galicia, unha gala musical conducida pola actriz seixalbesa Nate Borrajo daba o pistoletazo de saída o 6 de setembro, cun elenco de artistas con raíces locais : Perqtores, Cantigas de Seixo, Daniel Iglesias, Adrián González, Juanjo Iglesias, Trovare, Meigas Tribal e Xestreu.

Durante este mes estivo aberta a exposición de talla en madeira de Luis Sequeiros, e celebráronse un obradoiro de modelismo impartido por María Rilo e Román Carballido, e unha charla sobre A mediación para a resolución de conflitos a cargo da avogada Rosa Casares.

A extensa programación entra na recta final e esta noite terá lugar a representación da obra de teatro escrita e interpretada por xentes da vila “que logrará completar o aforo do Auditorio ao aire libre de Penouzos ás dez da noite desta volta”, aseguran dende a organización. Desta volta trátase dunha obra de Marisol Delgado “O gran reto”, que subirá ao escenario a 32 actores, actrices e bailarinas.

Unha xornada de convivencia intercultural con participantes do programa Teranga (Fundación Juan Soñador), un obradoiro de autodefensa para mulleres e o clásico Concerto de Clausura poñerán fin a esta edición na que participarán máis de mil seiscentas persoas, segundo os A40cálculos dos organizadores.

Artigos relacionados

Back to top button