ConcellosEn portadaÚltima horaVídeos

O protocolo do Entroido será abordado no Comité Clínico da vindeira semana

Así o adiantaba o conselleiro de Sanidade na súa visita ao hospital valdeorrés esta mañá

Un dos folións do municipio de Vilariño de Conso./ Foto: A.R.

 

O protocolo fronte Covid que se aplicará no Entroido podería ser xa aprobado na reunión da vindeira semana do Comité Clínico de expertos que fai seguemento da pandemia do Covid en Galicia, tal e como avanzaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na visita que realizaba esta mañá a Valdeorras.

“Onte tivemos reunión do Subcomité Clínico e temos xa un borrador dese protocolo, que o trasladaremos ao vindeiro Comité para a súa aprobación, e é o caso. Aínda que o Entroido queda lonxe, sabemos, especialmente na provincia de Ourense, que xa dende o 7 de febreiro empezará a haber algún tipo de actuación e a idea é que para ese día estea dispoñible ese protocolo”.

García Comesaña adiantaba que este protocolo “incide, sobre todo, no uso dos espazos exteriores, na distancia, na mascarilla, e que regula de xeito específico as características destas festas tan populares na provincia de Ourense. A idea é que no vindeiro comité clínico do próximo martes sexa aprobado”.

 

 

Con respecto ás comidas multitudinarias que acostuman celebrarse no marco do Entroido, o conselleiro de Sanidade apuntaba que “agora mesmo o número que agora se permite que coman xuntas está en dez. Temos que valorar se deixalo nese número, pero efectivamente, unha das medidas é tratar de reducir a concentración de persoas nun entorno tan arriscado como é o da comida, onde quitamos a mascarilla, e tratar de reducir o impacto desas comidas. Non falamos de eliminalas, pero si de reducir o número para diminuír a probabilidade de contaxio nese senso”.

 

Artigos relacionados

Back to top button