En portadaÚltima hora

O proxecto da circunvalación do Barco, entre os asuntos abordados na visita do delegado do Goberno en Galicia

Tamén se analizaba a situación doutras infraestruturas de comunicación como a autovía A-76

Publicidade

 

Entre os temas que o alcalde do Barco, Alfredo García, poñía sobre a mesa na primeira visita que na mañá deste 19 de agosto facía o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a Valdeorras estaba a necesidade de darlle un impulso ao proxecto da estrada de circunvalación (conexión da estrada N-120 coa N-536).

“Falamos de obras do Ministerio de transportes, do Miteco, como a variante do Barco, que supón 46 millóns de euros, que están licitados e adxudicados. O alcalde trasladoume esa necesidade de seguir apostando por esa obra e que se lle dea un impulso dende o ministerio, polo tanto a partir de setembro reunireime coa secretaria de Estado, Isabel Pardo, para trasladarlles a necesidade dese impulso necesario. Agora mesmo estanse facendo traballos específicos de escavación no túnel do Serro e no que é a conectividade coa N-536 porque actualmente se está facendo un modificado do proxecto, precisamente para adaptalo ás necesidades técnicas e xeotécnicas”, explicaba José Miñones, tras visitar a torre do Castro, na que se acometerá unha nova actuación de restauración dentro do Programa do 1,5% Cultural do Goberno. “Esta é unha segunda fase que se vai poñer en marcha con investimento de 300.000 euros e que vai dar continuidade á primeira intervención que acabamos de estar visitando e que mellorou todo este espazo”, matizaba Miñones.

Neste encontro tamén se abordaba a situación a Autovía A-76. Neste senso, Miñoñes apuntaba que “o ministerio vai a priorizar o tramo precisamente entre O Barco e Ponferrada, son 3 fases nas que se está a traballar nos proxectos de redacción e no estudo de impacto e, polo tanto, esa vai ser a primeira das liñas polas que se vai a traballar na A-76”. Ademais, tanto o alcalde barquense como o delegado do Goberno en Galicia poñían en valor “outro tipo de investimentos importantes que está facendo a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) en cuestións como a EDAR e no saneamento” e nun novo proxecto para crear unha senda peonil que conecte O Campiño de Viloira co Salgueiral.

 

 

Miñones tamén se refería a “unha reclamación e demanda que vén facendo o alcalde dende hai anos para esa unidade móbil de expedición do DNI, que agora vai a ser unha unidade permanente e, polo tanto, agradecerlle ao Concello esa colaboración que fai co ministerio, neste caso, coa Policía Nacional para habilitar un espazo dentro do Concello e ter esa unidade permanente e que a xente non se teña que estar desprazando para esa expedición do DNI. Dende a delegación imos facer tamén o mesmo no caso dos certificados electrónicos, imos empezar no mes de setembro cun programa piloto para que se despracen os técnicos da Subdelegación ata os concellos, baixo cita previa, e poder expedir no mesmo día o certificado electrónico sen ter que ir despois a certificar a identidade ata un organismos como Facenda ou a Seguridade Social e con elo o desprazamento”.

Finalmente, o delegado do Goberno en Galicia aludía aos investimentos do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxcía (IDAE), “que é outra das liñas de acción que o Concello do Barco aproveita con ese confinanciamento, falamos de 1,3 millóns de euros cos que se fixeron obras xa tanto na Casa da Cultura como no Concello para a eficiencia enerxética. Sempre aproveito a darlle a noraboa aos concellos por apostar por esa eficiencia enerxética e traslado o que vai ser unha liña de aposta polo plan de recuperación nesa eficiencia enerxética e nas liñas que se van a abrir a partir do mes de outubro dos diferentes ministerios, principalmente de Transición Ecolóxica que van ir nese mesmo sentido”.

 

 

Pola súa banda, o alcalde Alfredo García agradecía esta visita institucional ao Barco asegurando que “sempre estamos encantados de recibir as autoridades por dúas razóns: a primeira para que nos dean información dos proxectos que están en marcha e, a segunda, para trasladarlles as nosas propias peticións e a nosa información”.

Nesta visita, Miñones estivo acompañado, ademais de polo alcalde do Barco, polos rexedores de Petín, Raquel Bautista, e de Vilamartín, Enrique Álvarez, e polo senador valdeorrés Miguel Bautista.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://www.osil.info/primeira-visita-a-valdeorras-do-delegado-do-goberno-en-galicia/

Artigos relacionados

Back to top button