EconomíaEconomíaÚltima hora

O proxecto da “Raia Termal” xa ten Xunta Directiva para xestionalo

Formada polo presidentes da CHMS, Deputación e das cámaras portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro
Xunta directiva da Raia Termal.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) convocou a xuntanza constitutiva hoxe, 23 de xuño, da Xunta Directiva do proxecto europeo Poctep “Raia Termal.” Esta xunta directiva queda constituída como órgano de decisión, recepción e emisión da información do proxecto, que estará asistida pola Unidade de Xestión e Coordinación nomeada neste mesmo acto.

Neste encontro constatouse que a consecución de fondos europeos é “imprescindible para o desenvolvemento intelixente, sostible e integrador das zonas máis desfavorecidas de Europa”.

As entidades promotoras deste proxecto, capitaneadas pola CHMS e a Deputación, contan como socios coas cámaras municipais portuguesas de Melgaço e Terras de Bouro.

No ámbito no que se actuará, correspóndese coas zonas termais transfronteirizas do río Miño, Concello de Cortegada e a Cámara Municipal de Melgaço, e o río Limia, nos concellos de Lobios, Bande e Muíños, e a Cámara Municipal de Terras de Bouro.

Así, o encargado de presidir será Francisco Marín, presidente da CHMS, e logo séguenos Manuel Baltar, presidente da Deputación, e Hilario Afonso e Joaquim Cracel, das cámaras de Melgaço e Terras de Bouro, respectivamente.

O proxecto está estruturado en seis eixos de actuación, os catro primeiros específicos e os últimos comúns a todo este tipo de proxectos. O primeiro é a vertebración dunha rede de termalismo transfronteirizo; o segundo, a recuperación ambiental e a posta en valor de contornas naturais de espazos termais; o terceiro, a valorización e recuperación de infraestruturas e elementos patrimoniais termais; o cuarto, a xestión conxunta e a promoción de recursos e itinerarios termais de fronteira; sendo o quinto e o sexto referidos á difusión, coordinación e xestión.

Dentro das moitas actividades que se contemplan en cada un deses eixos, destacaron a creación dunha folla de ruta para o impulso do Termalismo de Fronteira, con estratexias consensuadas e actividades planificadas, entre outras. Tamén estarán incluídas as accións orientadas a definir e aplicar un modelo de xestión e explotación das termas e pozas naturais que contemple a súa integración e compatitibilidade coas instalacións balnearias; a recuperación e valorización de elementos patrimoniais para un turismo termal sostible; e as accións orientadas a potenciar a xestión coordinada de recursos, servizos e itinerarios termais, así como a comercialización e promoción conxunta do destino termal transfronteirizo.

Tendo en conta a complexidade do proxecto, o número de socios e o marco temporal de execución previsto, o 31 de nadal de 2019, o orzamento do proxecto é de 2.659.767 euros, dos cales o 75% serán de fondos FEDER.

Artigos relacionados

Back to top button