Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O proxecto de recuperación da biodiversidade no rural gaña o 1º premio da Galiciencia 2018

Durante os tres días que durou a I edición de primavera da Feira pasaron pola Tecnópole máis de 2.000 visitantes

O proxecto de ciencia cidadá para a recuperación da biodiversidade no rural desenvolvido por oito estudantes lucense foi o gañador absoluto da Galiciencia 2018. A iniciativa “Rebinxe”, representada por Lidia Barreira e María Bouso, do IES San Rosendo de Mondoñedo, foi o mellor valorado polos 40 membros do xurado entre os 50 proxectos que competían polo premio final, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación noutra feira científica de carácter estatal, a Exporecerca 2019 (Barcelona).

O segundo premio, dotado con 500 euros para asistir á feira científica vasca homóloga da Galiciencia, a Zientzia Azoka, correspondeulle ao deseño dun foguete de combustible sólido utilizando unha mestura de nitrato de potasio e azucre, o que provoca unha reacción de gases que impulsan o proxectil. Pablo Portela e Brais Pazó, do Colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo (Pontevedra), inspiráronse nos principios físicos utilizados pola NASA para fabricar sucesivos prototipos capaces de alcanzar cada vez maior altura e aceleración.

En terceiro lugar quedaron Esther Suárez e Lucía Suárez, das Aulas Científico-Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal de Ponteceso (A Coruña), que idearon unha estación meteorolóxica electrónica bautizada como “Cero lume” para a prevención de incendios. O equipo recibiu 200 euros para cubrir os gastos da súa participación no programa de actividades organizados polos Museos Científicos Coruñeses na Semana da Ciencia.

De xeito complementario, entregáronse varias mencións especiais por categorías. Na categoría especial de cambio climático, os alumnos do Colexio Alborada de Vigo levaron o premio polo seu proxecto de caracterización dos plásticos da praia de Vilariño (Ría de Aldán). O proxecto de concienciación sobre a reciclaxe de papel de Luis Barba e María Rascado, do IES María Casares de Oleiros (A Coruña), fíxose co recoñecemento á mellor presentación e comunicación oral. Como proxecto máis innovador, foi premiado o sistema de axuda na reciclaxe de lixo para invidentes das Aulas Tecnópole, ideado por Mateo González e Cecilia González. Por último, a fórmula para a barbacoa perfecta dos alumnos do Colexio San José-Josefinas de Ourense foi distinguida polo método científico e proceso de investigación mellor definido.

Durante os tres días que durou a primeira edición de primavera da Galiciencia pasaron pola exposición de proxectos e as actividades paralelas máis de 2.000 visitantes.

Artigos relacionados

Back to top button