ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O proxecto de recuperación e estudo do Castro de Doade dase a coñecer no Barco

Manuel Blanco vén de presentar no Casino o seu libro “O Segredo do castro de Doade” (A Formiga Rabicha)

Chegar a desenvolver a escavación arqueolóxica dun castro dende unha asociación non resulta nada doado. E tampouco chegar a depositar o material recuperado nun museo propio. É difícil, pero non imposible e así se demostra co asentamento do Castro de Doade (na comarca pontevedresa do Deza), tal e como contaba un dos impulsores desta iniciativa, Manuel Blanco Villar, que presentaba na tarde do 25 de xaneiro o seu libro “O Segredo do castro de Doade” (A Formiga Rabicha) no Casino do Barco.

Trátase dunha obra divulgativa e pensada para o público en xeral que pretende amosar a cultura castrexa e os asentamentos deste tipo que existen na comarca do Deza, entre os que está o de Doade. O traballo reúne os traballos e actuacións desenvolvidos ata a actualidade neste xacemento (cuns 105-120 m de diámetro exterior e cuxa muralla chega aos 7 m na parte máis alta), explica as súas estruturas habitacionais e as súas características principais, entre as que sobresae o sistema defensivo, “do que temos localizados dous foxos, pero pensamos que pode haber un total de cinco. Para ser un castro tan pequeno é realmente un sistema defensivo impresionante”, destacaba Manuel Blanco.

Neste volume tamén se resumen as intervencións arqueolóxicas realizadas ata o momento nel, dirixidas por José Manuel Caamaño Gesto. Foron un total de 5 campañas en catro anos, que permitiron recuperar 21.091 restos que se atopan depositados no Museo Casa do Patrón, na mesma zona. Neste castro están datados tres períodos de ocupación diferentes: do século IV ao II antes de Cristo, do s. II a d. C. ao II despois de Cristo e do s. IV ao V d. C.

Durante a súa exposición, Manuel Blanco tamén se refería ao proxecto do Museo Casa do Patrón, as súas salas, fondos e actividades, así como ao labor de restauración desenvolvido na aldea de Codeseda. Neste acto o autor do libro, que avanzaba novos proxectos como continuar coas campañas de escavacións e editar un libro científico sobre o castro, estaba acompañado polo editor do libro e ilustrador Miguel Ángel Martínez Coello, polo impresor Avelino Jácome (autor de “A lenda de Aldara e Galael”) e polo presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco. Ademais a neta do autor, María, recitaba un poema incluído no libro (“A memoria do meu castro) e Amparo Blanco daba lectura ao epílogo da obra.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button