ConcellosO BarcoÚltima hora

O proxecto de trazado de carrís de adiantamento na N-120, para primeiros do 2022

Faranse no tramo entre o Alto da Guítara e Ourense, tal e como anunciaba o senador socialista Miguel Bautista e o alcalde do Barco, Alfredo García

 

O goberno central vai realizar obras de mantemento na estrada N-120 na comarca de Valdeorras para asfaltado e mellora no firme, e ademais prevé presentar á información pública no primeiro trimestre do 2022 o proxecto de trazado para terceiros carrís no tramo entre o Alto da Guítara e Ourense. Así o anunciaban o senador socialista Miguel Bautista e o alcalde do Barco, Alfredo García, tras as reunións que mantiñan nestes días con representantes do Ministerio de Transportes.

“A estrada N-120 é un tema moi importante para os veciños da comarca de Valdeorras. Unha vez saia a información pública os prazos dependerán de se se presentan ou non alegacións”, explicaba Miguel Bautista, que adianta que se estima que esta actuación podería supoñer un investimento de máis de 5 millóns de euros, “pero a cantidade exacta non a sabemos”.

Pola súa banda, o alcalde do Barco incidía en que “o importante son os compromisos iniciais adquiridos na reunión de sacar ese proxecto a información pública no primeiro trimestre do 2022. O gran problema vai ser o río, pero xa se mantiveron contactos coa confederación e tamén se presentou documentación. Teñen claro que é unha obra prioritaria para esta comarca, por ser a nosa conexión coa capital da provincia”.

A partir da información pública farase o proxecto construtivo, sacarase a concurso ese proxecto.

Foto: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button