ConcellosÚltima hora

O proxecto EmprendOU preséntase en Vilariño de Conso

A deputada Luz Doporto na presentación do programa en Vilariño de Conso./ Foto cedida.

 

O salón de plenos do Concello de Vilariño de Conso acollía neste martes 18 de febreiro a presentación do proxecto EmprendOU. Este acto contaba coa presenza da deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, a barquense Luz Doporto, que daba conta das bases desta iniciativa da Deputación de Ourense.

O proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense apoia a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan “municipios elixibles”, en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.

Á presentación asistían representantes de concellos desta zona, como é o caso da alcaldesa da Vilariño de Conso, Melisa Macía; ademais de axentes de desenvolvemento local e mozos emprendedores desta comarca, “concluíndo esta primeira rolda de visitas ás comarcas da provincia de Ourense que comezamos no pasado mes de outubro e coa que pretendemos chegar ao maior número de veciños posible”, explicou Luz Doporto.

A deputada provincial indicaba que a través destas visitas “medrou o número de mozos interesados neste proxecto”, mostra disto é que cada vez “son máis as iniciativas empresariais que se suman ao EmprendOU, logrando os nosos obxectivos iniciais de xerar emprego e asentar á mocidade no rural”. Por elo, “continuaremos a realizar estes encontros tan produtivos con diferentes asociacións e entidades que así o soliciten”, engadiu Luz Doporto.

 

Artigos relacionados

Back to top button