OurenseÚltima hora

O proxecto expositivo do centenario de Prego de Oliver ergue o telón este xoves

A esencia do artista ourensán móstrase ao público a través de 1.200 obras catalogadas, 50 de coleccións particulares e de institucións, 340 debuxos e 130 óleos
Dende a esquerda, Natalia Figueroa e Xavier Limia (comisarios da exposición), Eva Torres (directora de Espazos Expositivos do Concello de Ourense), Manolo Prego de Oliver, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, e a representante de Afundación, María Teresa Cores.
O salón de actos do Concello acolleu esta mañá a presentación de “Prego, 100 anos”.

O Concello de Ourense presentou esta mañá o proxecto expositivo “Prego, 100 anos”, unha iniciativa que homenaxea ao recoñecido artista local a través de tres mostras, 1.200 obras catalogadas, 50 de coleccións particulares e de institucións, 340 debuxos e 130 óleos. “Un proxecto singular, novidoso e interdisciplinar no que poñer de manifesto o autor nas súas múltiples e integradas facetas de creador, pensador, investigador, teórico, pintor e debuxante”, definía o alcalde da cidade, Jesús Vázquez.

No acto de presentación estivo tamén o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, Manolo Prego de Oliver, a directora de Espazos Expositivos do Concello, Eva Torres, a representante de Afundación, María Teresa Cores, e os comisarios da exposición Natalia Figueroa e Xavier Limia.

O proxecto presentado consta de tres exposicións das cales a primeira erguerá o telón este xoves na sede de Afundación baixo o título “Prego de Oliver, un pintor de ideas e arquetipos. Do boceto á obra gráfica”. Será inaugurada ás 20 horas. A segunda será visible a partires do 23 de setembro no Museo Municipal, co título “O obradoiro: espazo de creación e materialización práctica. A súa obra inédita”. Por último, a terceira das mostras será inaugurada o 29 de setembro na Sala Valente co título “Prego de Oliver e a captación do Eterno. O óleo como materialización da súa plástica”.

Así mesmo, esta iniciativa que busca lembrar a figura do artista no seu centenario tamén incluirá obradoiros, conferencias e actos divulgativos. A difusión pechará o 8 de xaneiro de 2017.

Artigos relacionados

Back to top button