CulturaCulturaÚltima hora

O proxecto máis persoal do director petinés Ignacio Vilar, logra axudas para o desenvolvemento de MEDIA Europa Creativa

Aura 1964, será o primeiro traballo de Vía Láctea Filmes presentado desde o inicio coma unha coprodución internacional
O director petinés Ignacio Vilar.

A produtora Vía Láctea Filmes resultou beneficiaria dunha axuda de desenvolvemento do programa MEDIA Europa Creativa, destinada á promoción e á coprodución de obras cinematográficas a nivel europeo e internacional, para un novo proxecto con guión e dirección de Ignacio Vilar. Entre as máis de 300 candidaturas recibidas de 32 países, 5 produtoras Españolas recibiron esta axuda na actual convocatoria, sendo Aura 1964 “o único proxecto recibido para ser rodado en lingua galega”, puntualizan dende a produtora.

O comité de selección da axuda destacou, “a calidade do guión, a pertinencia da temática no contexto socio-político europeo así coma a traxectoria do director Ignacio Vilar e da produtora Vía Láctea Filmes na cinematografía galega ou o potencial internacional da obra”.

Tal como avanzan dende Vía Láctea Filmes, Aura 1964 conta a historia de Siro, un adolescente dunha aldea galega que, en plena ditadura franquista, debe ingresar nun internado católico. Pouco a pouco, coa axuda dos seus novos compañeiros, aprenderá a sobrevivir no perverso mundo dos adultos. O título da fita fai referencia á campaña “25 años de paz” coa que o réxime conmemorou o fin da Guerra Civil e segundo apunta o xurado de MEDIA, a longametraxe “aborda un tema moi relevante ante o auxe de partidos de extrema dereita en toda Europa”.

O proxecto recibiu asimesmo unha subvención para desenvolvemento de producións galegas de AGADIC, sendo o primeiro de Vía Láctea Filmes presentado desde o inicio coma unha coprodución internacional.  Grazas ao devandito apoio institucional, a produtora galega está a deseñar “un ambicioso plan de desenvolvemento que inclúe a asistencia a mercados internacionais na Berlinale e Cannes para a busca de coprodutores que garantan a visibilidade internacional do traballo”.

Artigos relacionados

Back to top button