CulturaCulturaÚltima hora

O proxecto PRE-Media creará unha contorna virtual dos 2 encraves con pintura rupestre da comarca de Monterrei

Membros do equipo durante o desenvolvemento de traballos do proxecto o pasado ano./ Foto: Duvi/ Universidade de Vigo.

 

Un equipo multidisciplinar da Universidade de Vigo está a traballar na creación dunha contorna virtual para a interpretación patrimonial dos dous sitios con pintura rupestre esquemática da comarca de Monterrei, integrando ademais o estudo etnográfico dun deles. Trátase dos do Penedo do Gato, en Monterrei (no marco do conxunto arqueolóxico e natural de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán), e do Penedo Gordo, en Vilardevós.

“O seu obxectivo é potenciar o coñecemento dos recursos patrimoniais do val do Támega e contribuír á súa valoración e conservación, constituíndo unha primeira experiencia na realización de visitas virtuais a dúas das manifestacións de pintura rupestre coñecidas na provincia de Ourense”, tal e como informa a Universidade de Vigo. Este proxecto, denominado PRE-Media é un dos beneficiarios da convocatoria de axudas a grupos de investigación do Campus de Ourense INOU 2020, financiada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Ourense.

O proxecto artéllase en dúas liñas de traballo. A primeira delas está liderada por Beatriz Comendador, profesora da Facultade de Historia, e consiste na creación da contorna virtual e nela participan tamén Andrea Mouriño e Elena de Uña. Centrarase no desenvolvemento da contorna virtual que poida permitir ao público “visitar” de xeito virtual os dous enclaves elixidos. Para acadalo, o equipo participante traballou na realización de diversos levantamentos dos xacementos de xeito tridimensional e con puntos de vista de 360º e no procesado dixital das fotografías das pinturas.

A segunda liña, liderada por Fátima Braña, profesora da Área de Antropoloxía Social e Cultural, consiste no estudo etnográfico do sitio con arte rupestre de Penedo Gordo e no deseño de ferramentas de avaliación dos recursos interpretativos, participando tamén os docentes David Casado e María Dapía.

A identificación destes dous encraves con pintura sobre diferentes soportes rochosos (cuarcita e granito) e vinculados con restos arqueolóxicos, nunha mesma comarca, supuxo “un fito na historiografía da arte rupestre galega”, din os investigadores.

A súa localización, indican, “tamén lanzou o reto de buscar o equilibrio entre o seu interese científico e os usos do territorio onde están enmarcados, entre a necesidade de difundir estes lugares e a de preservalos tendo en conta o seu contexto territorial”. Neste marco aúna o traballo das áreas de Prehistoria e Antropoloxía Social e Cultural ao partir da premisa de que a conservación do patrimonio está ligada á conservación da vida rural e considerando que non só é importante a parte científica e a xeración de recursos interpretativos senón tamén o sentido que ten todo isto para a comunidade local destes lugares con patrimonio.

Por último, desde a iniciativa subliñan como a colaboración conxunta das Áreas de Antropoloxía Social e Cultural (Ciencias Sociais) e Prehistoria (Artes e Humanidades) no desenvolvemento deste proxecto conxunto abre unha liña de traballo para a configuración de intervencións arqueolóxicas de carácter patrimonial, cun enfoque social e implicadas no territorio. Así, advirten, “moitas actuacións no territorio adoecen deste enfoque integrado, facendo fincapé na parte arqueolóxica ou de desenvolvemento de contidos interpretativos, pero sen un traballo previo etnográfico que permita obter unha diagnose das comunidades por volta dos lugares para os que se pretende unha valorización de carácter patrimonial”.

Artigos relacionados

Back to top button