CulturaCulturaÚltima hora

O proxecto xornalístico de O Sil, no foro “Panorama das iniciativas culturais galegas na rede”

O seminario, promovido polo Consello da Cultura Galega, analizaba a presenza dos medios galegos na internet

Buscando achegar unha visión actual dos proxectos culturais galegos que se están a desenvolver na internet, o Consello da Cultura Galega promovía o 8 de novembro o seminario “Panorama das iniciativas culturais galegas na rede”. A xornada incluía ponencias e mesas redondas e reunía a unha ducia de relatores. Dúas destas mesas estaban adicadas ás “Experiencias galegas sostibles. Como o facemos”. Nunha delas expoñíase o proxecto xornalístico do Periódico O Sil, un medio ourensán que nacía hai 19 anos e que practicamente dende os seus inicio tivo presenza en internet cun dominio propio. Ademais de explicar a xénese e o desenvolvemento deste medio, integramente escrito en galego, tamén se afondaba na súa web osil.info e noutra das súas cabeceiras, O Sil Deportivo.

Presentación de O Sil, no seminario.
Presentación de O Sil, no seminario.

Nesta mesa redonda, moderada por Cruz Negreira, tamén participan os representantes de Teovivo, Ana Conde, e Que Pasa na Costa, Ubaldo Cerqueiro. Noutra das mesas, neste caso moderada por Xurxo Salgado (de Galicia Confidencial), coñecíanse as iniciativas de Praza Pública da man de David Lombao, de Sermos Galiza con Rocío Castro, e de Campo Galego, a través de David González.

A sesión da mañá deste seminario incluía asemade as ponencias “Ecosistema mediático: a cultura na sociedade líquida” de João Canvilhas da Universidade da Beira Interior (Portugal) e “Mapa dalgunhas iniciativas culturais galegas na rede” de Hakan Casares do Consello da Cultura Galega.

O seminario proseguía cunha nova mesa redonda durante a tarde, desta volta, adicada ás “Revistas culturais dixitais: unha panorámica”, moderada por Manuel Gago do Consello da Cultura Galega e coas aportacións de Alfredo Ferreiro (Palabra Común), Lara Rozados (A sega) e Daniel Lavesedo (GZ Música). O programa incluía asemade as conferencias “Televisión conectada. Televisión e cultura nos tempos da Internet” de Alberto Marinelli (Universitá Sapienza, de Roma) e “O quinto poder na rede. Monitorización, comunicación, cidadanía e democracia. Novas estratexias e novos territorios na era 2.0.” de Andreu Casero Ripollés (Universitat Jaume I, Castellón).

Fotos: Consello da Cultura Galega.

Artigos relacionados

Back to top button