PolíticaÚltima hora

O PSdeG critica o “escurantismo” na selección da nova empresa que xestionará a Estación de Montaña de Manzaneda

 

Ao carón dos telesillas dunha Estación de Montaña de Manzaneda completamente cuberta de branco  e pola neve desenvolvíase este mediodía unha rolda de prensa convocada polo partido socialista ourensán para criticar o “escurantismo na selección da nova empresa que xestionará a estación de montaña, sen experiencia no sector”. No acto interviñan os rexedores de Manzaneda, Trives e Castro Caldelas, así como o deputado provincial socialista Aurentino Alonso e o secretario provincial do partido, Rafael Rodríguez Villarino. Estaban acompañados tamén por diferentes representantes socialistas a nivel galego e estatal.

“Nestas instalacións todo segue igual, continúan pechadas e nun ano no que por sorte levamos tido moita neve en datas como a pasada ponte da Constitución, con sete días de neve e soleados, onde a estación estivo pechada. E agora volve pasar o mesmo. Os preparativos para abrir a estación non poden facerse o día antes de que neve, hai que telos feito meses antes. Isto é unha auténtica pena”, lamentaba o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

Ademais o rexedor aludía á nova empresa que, tal e como acordaba onte o Consello de administración de MEISA (onde está a Xunta e a Deputación de Ourense), se fará cargo desta estación de montaña. “Tiña que ser unha empresa que entenda non só de neve, senón tamén de montaña, se non é así, pois que optasen por meter xente da zona que polo menos ten interese e ilusión por que isto vaia para adiante. Ogallá me equivoque, pero penso que isto vai ir cada vez peor”.

A continuación tomaba a palabra a alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, quen se manifestaba en termos semellantes. “Na zona, na comarca, na provincia e no resto de Galicia hai empresas moi competentes que poderían sacar adiante esta xestión. Esta adxudicación a unha empresa sen experiencia previa, creada en febreiro de 2020 e que ten detrás un conglomerado de emprsas con vínculos en Panamá, un paraíso fiscal, fíxose de forma escurantista”. Tamén indicaba que tanto ela como o alcalde da Manzaneda coñecían a nova despois de que se tomase a decisión e “inmediatamente antes de que se publicase na prensa, non nos deron marxe para opinar, nin para dicir absolutamente nada”.

 

 

Patricia Domínguez incidía asimesmo na situación actual da estación, pechada ao público, e na súa importancia como motor económico para a comarca trivesa e pedía transparencia. “Non queren que isto funcione porque se fose así terían que apartarse dado que levan aí unha gran cantidade de anos e isto segue sen funcionar”. E mesmo plantexaba a posibilidade de que deixasen que fosen os concellos de Trives e Manzaneda os que xestionasen directamente a estación coa axuda dos traballadores.

Xunto a ela a alcaldesa de Castro Caldelas dicía que “hoxe estamos ante a foto da vergoña porque por primeira vez na historia da estación o día 31 de decembro temos isto pechado”. Recordaba que estas instalacións sempre foron “un dos motores económicos da comarca de Trives, pero tamén das de Caldelas e Valdeorras e incluso chegaba ata Maceda e Ourense. Pois con ese motor están acabando, isto é un puñetazo en plenas narices para esta zona. É como se nos estivesen quitando parte do noso futuro. Se non saben xestionalo, que se marchen, e se continúan que o fagan como debe ser”.

Para o deputado provincial Aurentino Alonso o feito de que a Estación de Manzaneda estea pechada débese á “incompetencia dos que teñen que decidir sobre ela. Cuns 30-40 cm de neve e isto pechado, mentres que noutras zonas de España como o Pirineo os hoteis están ao 80% da súa ocupación, algo impensable nesta situación actual de Covid”.

 

 

Finalmente interviña o secretario xeral dos socialistas ourensáns, Rafael R. Villarino, sinalando que “a Xunta de Galicia e a Deputación provincial son unha traba para o desenvolvemento de Ourense, só lles importa cando chegan novamente as eleccións. Esta estación, onde hai tempo se xeraban ata 250.000 euros nunha fin de semana, está hoxe esquecida, cun investimento millonario en canóns de neve que están sen funcionar”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button