PolíticaÚltima hora

O PSdeG de Viana insiste na formación “de maneira inmediata” dunha comisión para o arranxo da estrada de San Agustín

Aspecto do firme da estrada de San Agustín, en Viana do Bolo./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os socialistas vianeses volven incidir na urxencia de que se arranxe a estrada de San Agustín. A través dun comunicado de prensa sinalan que, por medio do seu concelleiro na Corporación de Viana, Santiago Barja, e doutro integrante da agrupación mantiñan o 8 de xuño unha xuntanza co alcalde vianés, na que “se lle esixiu que, de maneira inmediata e sen máis atrancos, procedera a constituír a comisión encargada de entablar as conversas tendentes a o arranxo definitivo da estrada de San Agustiño”.

A creación desta comisión recollíase na moción presentada polos socialistas no último pleno municipal, celebrado o pasado 24 de maio, e que que resultaba aprobada. Nela instábase á creación dunha comisión formada por tres membros (o alcalde ou representantes que designara o BNG, un membro do grupo municipal do PP e outro do PSdeG-PSOE) para que solicitase unha xuntanza “con Endesa, a Deputación e máis a Xunta, para demandar un estudo, co seu correspondente orzamento, de cara a paliar as graves deficiencias da citada estrada. Xa que os citados anteriormente, xunto co Concello de Viana, son copropietarios, se comprometeran a aportar os fondos orzamentados necesarios para o arranxo”, segundo lembran os socialistas vianeses na nota de prensa.

Dende o PSdeG-PSOE de Viana insístese na importancia de acometer a mellora deste vial xa que son “máis de 20 os pobos que une” e por el transistan “diariamente os autobuses do transporte escolar, co risco que supoñen as numerosas fochancas e a maleza”.

Artigos relacionados

Back to top button