PolíticaÚltima hora

O PSdeG denuncia “a situación de precariedade da sanidade de Valdeorras”

A deputada autonómica Noela Blanco, xunto a representantes municipais da comarca, ofrecían unha rolda de prensa na que esixían “o cese inmediato dos responsables desta situación e que se cubran todas as prazas dos especialistas” na zona

“Valdeorras tamén existe, e como tal temos dereito a unha sanidade de primeira, como ten calquera galego ou galega que viva en calquera cidade, vila ou pobo da nosa comunidade”, dicía o tenente de alcalde do Barco e responsable da agrupación socialista de Valdeorras, Aurentino Alonso, na rolda de prensa celebrada na mañá do 4 de xaneiro para “denunciar publicamente a situación de precariedade á que, grazas aos recortes e ás políticas recentralizadoras, está a levar á sanidade de Valdeorras o goberno de Núñez Feijóo”. Nela comparecía acompañado pola deputada autonómica Noela Blanco e polos alcaldes socialistas do Barco, Alfredo García; A Rúa, Luis Fernández; Vilamartín, Enrique Álvarez; e Petín, Miguel Bautista.

Ademais, na súa intervención indicaba que “esiximos o cese inmediato dos responsables desta situación, así como que se cubran todas as prazas dos especialistas que sexan necesarias para que en Valdeorras se preste unha atención sanitaria de calidade”.

Alonso sinalaba que comezamos “este ano 2019 con máis precariedade asistencial no Hospital Comarcal Valdeorras (O Barco). A raíz da denuncia dun facultativo de urxencias, da que se fan eco os medios de comunicación, engádese máis intranquilidade á poboación. O déficit de especialistas agudízase cada vez máis. Nestas datas de Nadal, nas que hai un incremento considerable de desprazamentos por estrada, cun maior risco de accidentes, a administración do Sergas non soubo cubrir as gardas de traumatoloxía, un piar básico no funcionamento dun centro hospitalario, para ofrecer un servizo de calidade, indispensable segundo os protocolos de actuación establecidos para un centro como é o noso hospital comarcal. A denuncia do facultativo de urxencias demostra que fallou a organización e a coordinación internas no centro para afrontar unha situación de emerxencias coma ésta”.

E continuaba indicando que “ao parecer ninguén dispuxo as actuacións ás que debíen aterse os profesionais, responsabilidade da dirección do centro e da Consellería de Sanidade, que tiña que estar ao corrente dos feitos. Non sabemos que medidas se tomaron, nin se se reforzou o contixentes de ambulancias para posibles traslados ao centro de referencia de Ourense en previsión do posible incremento de incidencias. Ao parecer todo quedou á vontade dos profesionais que pode que xa estean fartos de asumir responsabilidades que non lles competen debido á precariedade dos recursos que teñen á súa disposición”.

Para os comparecentes na rolda de prensa esta situación está relacionada coa “eliminación da área sanitaria de Valdeorras e coa recentralización nunha área única provincial, á que nos sometou o goberno do PP. Non melloraron a situación da sanidade na nosa bisbarra. Ao contrario, estamos vendo como a política de recortes está deteriorando cada vez máis o sistema sanitario, sendo os maiores perxudicados os pacientes de Valdeorras que teñen que acudir ao hospital comarcal ou, cada vez con máis asiduidade para probas ou tratamentos que antes se facían no Barco, ao complexo hospitalario de Ourense, e mesmo a Vigo”.

Batería de iniciativas no Parlamento galego

Neste senso, a deputada autonómica socialista por Ourense, Noela Blanco, anunciaba que ten previsto presentar nos vindeiros días unha batería de iniciativas no Parlamento galego sobre este tema. “Estamos vendo unha redución de servizos sanitarios e outra recentralización a maiores tamén cara Vigo porque, por exemplo, en Ourense non dispomos dun servizo de hemodinámica as 24 horas”.

Blanco incidía en que a eliminación da área sanitaria de Valdeorras vai derivar en “converter ao hospital nun ambulatorio grande. Faltan traumatólogos, hematólogos, pediatras, anestesistas, urólogos… Lamentablemente cando adiantamos o que ía supor a perda da área sanitaria acertamos no prognóstico e diagnóstico que fixemos daquela”.

Artigos relacionados

Back to top button