Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

O PSdeG do Bolo presenta a súa candidatura ás municipais, liderada por Juan Ferreira

No acto, celebrado no Mesón Volobriga, o candidato socialista á alcaldía aseguraba que “imos ilusionar para cambiar O Bolo”

Está formada por 10 mulleres e 8 homes e encabezada por Juan Ferreira. Así é a lista ás vindeiras eleccións municipais que o partido socialista do Bolo presentaba no mediodía do 2 de febreiro no Mesón Volobriga desta vila valdeorresa.

“Eu vou ser o coordinador dun equipo xove, formado nun 70% por mulleres, e elas van ser as protagonistas do cambio no Bolo. Son xente con capacidade, formada, con coraxe e con moita ilusión e ganas de transformar este concello”, aseguraba o candidato Juan Ferreira, no acto ao que acudían medio cento de persoas, entre elas a deputada galega Noela Blanco; o secretario provincial dos socialistas, Rafael Rodríguez Villarino, e o alcalde do Barco, Alfredo García, así como outros alcaldes, como o da Rúa, concelleiros do oriente ourensán e militantes.

Ferreira daba lectura aos nomes da lista socialista e defendía que este partido conta cun proxecto para o municipio: “O Bolo 2025”. Con el, engadía, “imos cambiar de cabo a rabo este concello. Imos meterlle man aos recursos naturais, endóxenos que temos e que están abandonados, pero que nós imos recuperar como as augas termais, a castaña… Imos poñer en valor As Ermitas e o seu Viacrucis, tamén o casco antigo do Bolo e a súa praza”, adiantaba o cabeza de lista, que tamén agradecía o traballo “de compañeiros que mantiveron vivo o socialismo nestes anos no Bolo, como Magín e Silverio, nunha situació moi difícil”.

Tras el, tomaban a palabra o alcalde do Barco, quen incidía en que O Bolo “necesita ese proxecto do que nos fala Juan para desenvolverse”, e o secretario provincial, Rafael Rodríguez, ademais da deputada Noela Blanco, que lle amosaban o seu apoio ao candidato bolés e ao seu equipo. Deseguido, os asistentes compartín un cocido.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button