SanidadeÚltima hora

O PSdeG pide que se resolva “de inmediato a situación laboral dos gardas de seguridade do HPV”

Dende a Área Sanitaria ourensá asegúrase que "como xa se anunciou a comezos deste mes, estase a tramitar o procedemento de resolución do contrato" coa empresa adxudicataria dese servizo

Publicidade
A deputada do PSdeG-PSOE no Parlamento galego, Marina Ortega./ Cedida.

 

A deputada socialista no Parlamento de Galicia Marina Ortega pedía hoxe á Xunta a resolver “de inmediato a situación laboral do persoal de seguridade do Hospital Público de Valdeorras que leva anos denunciando retrasos reiterados no cobro das nóminas, co conseguinte prexuízo que isto supón para traballadoras, traballadores e servizo”. A deputada ourensá presentaba hoxe unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para instar ao Executivo autonómico a “evitar a evidente precariedade laboral deste colectivo e garantir a propia seguridade de persoal e pacientes”.

O persoal de seguridade “non cobra o que se lle debe”, alertou a socialista, “unha problemática que se vén repetindo dende o ano 2018, co que isto implica na xestión do día a día e na seguridade laboral do traballo diario do hospital”.

Ademais esta petición, recordaba Marina Ortega, chega despois de que, “nos últimos días, un profesional do hospital valdeorrés fose agredido por un familiar dun ingresado e, ao non haber gardas de seguridade nese intre. Ninguén se achegou ao lugar para asegurarse de que non pasara o que finalmente pasou e, lamentablemente, a Garda Civil foi avisada tempo despois do sucedido, cando xa se consumara a agresión”.

Neste marco, a dirixinte socialista sinalou que o Sergas “ten a obriga de velar polo cumprimento dos dereitos do persoal do hospital e evitar este tipo de situacións. É evidente que o Hospital Público de Valdeorras precisa de solucións integrais para resarcir as carencias derivadas dos recortes dos últimos anos”, dicía.

Por último, Ortega lembrou que “a veciñanza de Valdeorras, nunha comarca significativamente afastada do hospital provincial de referencia, merece, ao igual que o resto das galegas e galegos, unha sanidade pública de calidade e proximidade”.

En resposta a estas declaracións, a área sanitaria ourensá asegúrase que, “tras infructuosos esforzos por parte da Dirección de Recursos Económicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras para chegar á solución máis ventaxosa para os traballadores, tratando de resolver a situación xerada polo impago das nóminas por parte de Mersant Vigilancia S.L., a data de hoxe a situación de facto é de abandono do contrato por parte da empresa, desligándose da coordinación do servizo, a cobertura de ausencias e rexeitando toda notificación desde o pasado 15 de marzo”.

 

 

A resposta da Área Sanitaria Ourensá

Ademais, a xerencia da área ourensa di que, “como xa se anunciou a comezos deste mes, estase a tramitar o procedemento de resolución do contrato. Para elo debe darse traslado a Mersant da proposta de resolución e simultaneamente iniciaronse os trámites de audiencia á empresa garante do contrato, trámites ambos de obrigado cumprimento. Lamentablemente e pese a falta de colaboración de Mersant, a Lei obriga a esgotar os prazos de tempo establecidos. Na proposta de resolución proponse á adxudicataria o traslado da prestación do servizo a un terceiro, pola vía de emerxencia, para garantir a súa continuidade en tanto se tramita o procedemento para a adxudicación dun novo contrato. Igualmente, unha vez finalicen os referidos pasos e prazos o informe de resolución debe someterse ao informe do Servizo Xurídico da Administración. Todo elo no caso de que o contratista non manifestase a súa oposición, á proposta de resolución, xa que de ser así será preciso someter dita proposta ao ditame do Consello Consultivo da Xunta de Galicia”.

Dende a área sanitaria ourensá laméntase “que a situación que afronta esta empresa a nivel nacional estea a afectar a traballadores que exercen nos dous hospitais públicos de Verín e Valdeorras” e ademais lémbralle “aos representantes políticos e sindicais o obrigado cumprimento da lei por parte das administración públicas e repetir que esta empresa ten miles de traballadores en toda España, e no momento da adxudicación ofrecía garantía de seriedade e documentou solvencia económica”.

 

Artigos relacionados

Back to top button