PolíticaÚltima hora

O PSdeG presenta a súa candidatura para o 12X

Gonzalo Caballero, candidato á presidencia da Xunta, asegura que este partido "é a mellor opción para o futuro de Galicia"

Gonzalo Caballero, xunto aos cabezas de lista polas provincias galegas, no acto de presentación da candidatura en Santiago.

 

Neste mediodía tiña lugar en Santiago a presentación da candidatura socialista ás vindeiras eleccións do 12 de xullo ao Parlamento galego. Durante este acto, Gonzalo Caballero, candidato á presidencia da Xunta animaba aos galegos a sumarse ao “cambio con garantías”, a un “cambio tranquilo, confortable” que non irá “contra ninguén” senón que traballará para que “ninguén quede atrás”.

Ademais indicaba que o PSdeG é “a mellor opción para o futuro de Galicia” e chamaba a “meter a Feijóo no baúl dos recordos a partir do 12 de xullo. Sobre todo porque quen durante 11 anos recortou os servizos públicos, privatizou a sanidade e destruíu o emprego non pode agora pilotar a reconstrución” de Galicia trala pandemia.

Caballero aseguraba que “os socialistas saímos a gañar” estas eleccións, “con forza e con ilusión”, para construír “un goberno de progreso” na Xunta. Facía fincapé en que “quedan catro semanas para o cambio e para ter en Galicia un goberno que defenda os servizos públicos e faga política pensando na cidadanía. Necesitamos revitalizar Galicia tralo diagnóstico en branco e negro que nos deixa Feijóo”.

O líder dos socialistas galegos aposta por abrir “unha etapa de progreso e de oportunidades” e por “poñer en marcha medidas que a prol da xustiza social, a igualdade, os dereitos dos nenos e dos maiores e pular pola creación de emprego e a mellora da economía”. Ademais Caballero comprometeu un pacto político, cos axentes sociais e co municipalismo para “reconstruír o país”, para “orientar” ese traballo, e avanzou que contará con Xoaquín Fernández Leiceaga como conselleiro de Facenda do goberno autonómico.

No acto tamén interviñan os cabezas de lista de cada unha das provincias galegas, entre elas, Marina Ortega, que lidera a lista ourensá. Chamaba a situar na presidencia da Xunta a “unha persoa moi formada e moi recoñecida como Gonzalo Caballero, tras unha década perdida para Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button