PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE da Rúa asegura que nunca se iniciou un proceso de negociación co BNG

Os socialistas critican nun comunicado a actitude de “impasividade e indiferenza” do BNG

 

Respondendo ao comunicado feito público polo BNG e ao de hai unha semana, o PSdeG-PSOE da Rúa vén de emitir unha nota prensa na que asegura que os nacionalistas menten posto que “mal poden dar por rematado un proceso de negociación que nunca empezaron, xa que as reunións co PSOE se limitaron a solicitar o noso apoio, sen máis, e que saibamos non mantiveron ningún outro contacto con outras forzas”.

Os socialistas din que “tanto na primeira reunión que tivemos con eles como na segunda, a disposición do PSOE de A Rúa para dar os pasos necesarios para articular a maioría necesaria que permitira acadar un goberno de progreso foi clara e sen ningún xénero de dúbidas. Pero desde o primeiro momento o BNG sempre se mantivo na tesitura de que non quería reunirse co RUA e con esa forma de pensar nos preguntamos, que obxecto ten pedirnos un apoio que non leva a ningunha parte? No caso da Rúa as matemáticas indícannos que para ter o goberno necesítanse seis concelleiros, polo que se non se dan pasos para conquerilos todo o demais se queda en meras estratexias de cara á galería ás que o PSOE de A Rúa non se vai a prestar, de aí a nosa negativa a dar o noso apoio se non ten como finalidade o intentar conseguir esa maioría necesaria para gobernar”.

O PSdeG-PSOE rues considera que “o partido que tiña a obriga de dar os pasos necesarios para acadar esa maioría, o BNG, se mantivo na máis absoluta impasividade e indiferenza. Esta actitude solo levaba a poñerlle en bandexa a alcaldía ao PP como forza máis votada, polo que o PSOE acorda dar o paso de reunirse co RUA e escoitar as súas propostas co fin de explorar se era posible acadar esa maioría necesaria. E unha desas propostas foi a de apoiar que a alcaldía recaese no PSOE. Esa mesma tarde, o BNG xa rexeitara calquera tipo de acordo a tres bandas antes de coñecer o resultado da reunión PSOE-RUA, polo que unha vez máis nos reafirmamos en que a súa estratexia neste proceso, sempre foi a de non propiciar ningún tipo de alternativa viable a un goberno de dereitas. E por todo a anterior, o BNG acúsanos de deslealdade”.

O comunicado socialista conclúe responsabilizando ao BNG de que A Rúa acabe tendo a partir do 15 de xuño un goberno de dereitas,  “xa que nin fixo ningún esforzo por buscar unha alternativa ao PP nin amosou máis mínimo interese en apoiar a unha proposta encabezada por un partido de esquerdas como o PSOE”.

Artigos relacionados

Back to top button