PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE de Viana fai públicas as súas propostas para “facilitar a gobernabilidade do Concello”

O socialista Pablo Luis Salgado propón “un goberno en solitario do BNG dous anos e outros dous do PSdeG” e “aprobar a partida orzamentaria acordada coa Deputación para o arranxo da estrada de San Agostiño”
O socialista vianés Pablo Luis Salgado./ Foto: Carlos G. Hervella.

Os socialistas vianeses fan balance despois do 26M e poñen sobre a mesa as súas propostas de negociación de cara a formar goberno neste concello. A través dunha nota de prensa, o seu cabeza de lista, Pablo Luis Salgado comenta que o partido está “satisfeito co resultado acadado nas derradeiras municipais, xa que subíu de un a tres concelleiros. O PP foi a lista máis votada seguida do BNG , que a pesares de gobernar estes catro anos, perdeu apoios, un concelleiro e o PP outro que pasaron ao PSdeG”.

Salgado recoñece que os socialistas “no seu día adquirimos un compromiso coa veciñanza de non pactar con ninguén, escarmentados polo apoio dado o BNG nesta última lexislatura onde nos sentimos totalmente ninguneados. Os resultados foron os que foron e agora tócanos facilitar e axudar a gobernabilidade do noso Concello”.

Ademais explica que “para evitar a desinformación interesada e en aras de que a veciñanza estea informada puntualmente das negociacións, imos facer públicas as nosas propostas”. Salgado recoñece que “o PP foi a lista máis votada e que nos lles manifestamos a importancia da súa representación nesta lexislatura que vai comezar, mais a veciñanza deste concello apostou claramente por un goberno progresista”.

Nese senso, “polo exposto anteriormente e polo noso apoio na anterior lexislatura, sen nada a cambio”, Pablo Luis Salgado di que “sentímonos lexitimados para propoñer un reparto do goberno nesta lexislatura. Un goberno en solitario do BNG dous anos e utros dous anos de goberno do PSdeG”, ademais de “aprobar a partida orzamentaria acordada coa Deputación para o arranxo da estrada de San Agostiño”.

Matiza ademais que “estes acordos deberán ser ratificados polos concelleiros electos de ámbolos partidos ante fedatario público, antes do vindeiro día 15 deste mes”.

Artigos relacionados

Back to top button