PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE denuncia ante a xunta electoral a sinatura dun convenio entre a Xunta e o Concello de Carballeda de Valdeorras

Os socialistas din que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral “prohibe estas prácticas propagandísticas que prexudican ás institucións”

A través dun comunicado de prensa, o PSdeG-PSOE anuncia que “denuncia ante a xunta electoral o convenio propagandístico de 140.000 euros, firmado pola Xunta de Galicia e o Concello de Carballeda de Valdeorras (PP) o 17 de abril en plena campaña electoral, co fin de mellorar a contorna da estación de tren de Sobradelo”.

Os socialistas aseguran que “o acordo asinado na casa consistorial deste municipio ourensá, foi difundido por todas as canles oficiais do Goberno galego que, en plena campaña, presume un día tras outro dos seus logros usando medios públicos”. Na súa nota de prensa, o PSdeG-PSOE destaca que a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral “prohibe estas prácticas propagandísticas que prexudican ás institucións”, polo que reclaman ó PP que “baixe dunha vez por todas
do carro da propaganda máis burda e deixe de apropiarse de medios públicos para os seus fins partidistas”.

O PSdeG-PSOE recorda antecedentes de resolucións das xuntas electorais cuestionando a firma e publicidade destes convenios durante as campañas electorais. E, por iso, reclaman “o fin destas sinaturas propagandísticas; a retirada das canles e medios públicos de difusión de todas as informacións relacionadas co convenio; e o cese do uso dos
medios humanos e técnicos públicos para elaborar notas de prensa, vídeos ou fotografías dos gabinetes, difundidas sobre estes actos” que cualifican como “pestilente xogo sucio do PP”.

Artigos relacionados

Back to top button