PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE impulsa a declaración do edificio da primeira cooperativa vitivinícola de Galicia como patrimonio industrial

A instalación, actualmente en desuso, está ubicada no concello ourensán de Leiro e a iniciativa será debatida no pleno de abril da Deputación

O grupo provincial socialista acompañado do voceiro en Leiro e do secretario provincial de migracións, diante do edificio.

 

O PSdeG-PSOE impulsa a declaración das instalacións da primeira cooperativa vitivinícola de Galicia, localizada no concello ourensán de Leiro, como patrimonio industrial. Os socialistas queren que esta edificación inaugurada en 1952, pero que estende as súas orixes ata a pasada década dos anos trinta, teña os niveis de “protección, conservación e difusión” que garante a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. “Queremos que este recoñecemento legal sirva para a súa posta en valor e protección, así como para a investigación, valorización e transmisión da súa historia ás xeracións presentes e futuras”, destacan desde o PSOE.

A iniciativa que se debaterá no pleno da Deputación Provincial de abril, reclama á Xunta iniciar os trámites ou negociacións para declarar as instalacións como patrimonio industrial ao amparo da Lei 5/2016. Igualmente insta á Deputación e ao Concello de Leiro a “impulsar un proxecto de rehabilitación integral do edificio e a súa contorna, cun uso parcial para actividades culturais e educativas durante todo o ano, excepto durante a vendima”. A moción tamén promove un proxecto de cooperación coa Facultade de Historia do Campus de Ourense para “documentar, entre os veciños e veciñas das parroquias implicadas na creación desta adega, a súa historia cotiá mediante fotografías, testemuñas ou obxectos que poidan ser expostos nunha sala da edificación”.

 

Visita dos socialistas á contorna da antiga cooperativa.

 

Desde a contorna da edificación, o grupo provincial socialista acompañado do voceiro en Leiro e do secretario provincial de migracións, defendeu hoxe que “a valorización de noso patrimonio, tamén do industrial, ten que servir como ferramenta de cohesión social e fundamento da identidade cultural do pobo galego”. A propia normativa autonómica recorda a importancia de “considerar como bens de interese estas obras industriais para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo”. Por iso cren “fundamental” sumar esta edificación ao “noso patrimonio senlleiro”, unha decisión que “deben asumir Xunta e Deputación conxuntamente”.

Actualmente o edificio, unha construción industrial singular, atópase sen uso, polo que “consideramos importante o recoñecemento para a súa conservación”, aseveran os e as socialistas. Na actualidade, Galicia conta con máis de medio millar de bens de patrimonio industrial (fábricas de cerámica, muíños, minas, fábricas de salazón ou conservas, etc.) mais aínda se está a traballar para rematar a súa catalogación, segundo a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Ademais, desde o PSOE ourensán defenden que esta actuación permitiría impulsar o “turismo industrial” nesta zona da provincia, un sector “actualmente está en alza” que “chegou tarde a Galicia”. “Sería unha proposta perfectamente combinable coas experiencias de enoturismo xa existentes na comarca, así como con outros plans gastronómicos, artísticos ou culturais”, conclúen

Artigos relacionados

Back to top button