PolíticaÚltima hora

O PsdeG-PSOE pide “solucións urxentes” para a estrada de San Vicente, de titularidade provincial

O grupo provincial socialista viaxaba a esta localidade de Vilamartín e reuníase co seu alcalde, Enrique Álvarez

 

Ata San Vicente de Leira (Vilamartín de Valdeorras) desprazábase esta mañá o grupo provincial do PSdeG-PSOE de Ourense para “corroborar en primeira persoa a situación de abandono e desleixo que vive a veciñanza desta aldea por parte de Manuel Baltar e a Deputación de Ourense. Unha veciñanza que quedou illada, despois do derrubamento da estrada OU-0807, acceso principal deste núcleo de poboación e que provoca que teñan que dar un rodeo de preto de 4 quilómetros por unha pista municipal para poder acceder a dita poboación”, resaltan os socialistas. Así varios deputados provinciais, entre eles o tamén concelleiro barquense Aurentino Alonso, reuníanse en San Vicente co alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro.

“Agradezo a visita do grupo socialista na Deputación para que vexan o desleixo que existe co pobo de San Vicente. Vimos falando disto dende hai preto de 30 anos, só tendes que ver como está a montaña do outro lado e a situación segue sendo a mesma, e dende hai 4 meses empeorou, baixouse o que quedaba da estrada, o que supón que, de ningunha maneira poidan pasar os veciños para o pobo. Isto denunciámolo na Deputación hai xa tres meses e estamos agardando aínda a contestación que se ía dar nunha semana segundo se nos dixo. Íase facer unha especie de convenio e, pasados tres meses, e a última notificación desta mañá con Pablo Pérez dime que moi pronto imos ter noticias e que nos sorprenderán. Entón estamos pendentes do que diga ese convenio”, dicía o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.

 

 

Ademais o rexedor matizaba que, entre outras cuestións, “o que tiñamos falado era que había que sacar inmediatamente a poza de auga que hai aí e que provoca que a montaña se siga deslizando, isto faríase para que non provoque outra avalancha de augas como a que xa se produciu. E se despois se fai de maneira urxente o paso para que o pobo se vaia servindo mentres non se faga o recheo total, igual nos sorprenden algo”. Enrique Álvarez Barreiro pediu información e que a Deputación provincial “dea a cara, estamos esperando ansiosos por esa sorpresa que nos van a dar, e sen solucións de momento”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense esíxenlle ao goberno provincial solucións “urxentes”para unha vía de comunicación de titularidade provincial. “A estas alturas da situación, despois de 30 anos, non hai excusa ningunha para darlle solución a este problema”, dicía o deputado provincial Aurentino Alonso, “e polo menos que se informe aos veciños de prazos, de tempos e cando se vai a empezar a solucionar o problema”. Ademais Alonso pedía “sensibilidade co Concello de Vilamartín que está colaborando en todo, tivo que poñer unha pista que era municipal a disposición dos veciños para darlle solución como saída e entrada ao pobo porque a estrada provincial é inaccesible polo tanto o Concello está asumindo un servizo que tiña que darlle a Deputación”.

Así mesmo o alcalde de Vilamartín engadía que hai un proxecto de 13 millóns de euros que “ata o de agora serviulle de escusa a Deputación para non executar o arranxo da estrada”. Neste senso, Enrique Álvarez esixíalle aos responsables da Deputación que “deixen de agocharse baixo esa escusa, xa que saben que hai unha pizarreira que está disposta a facer o recheo e o trazado por riba dese recheo” e tamén apunta a que “senón son quen de solucionalo, que nos pasen a nós o problema, xa que pola metade de cartos, concretamente por 4 millóns de euros, podemos dar solucións”.

Artigos relacionados

Back to top button