PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE presenta unha moción para que a Deputación deixe de xestionar MEISA

Imaxe da rolda de prensa na que se deu conta da moción presentada na Deputación de Ourense.

 

Nunha rolda de prensa celebraba esta mañá en Ourense, o PSdeG-PSOE vén de informar de que vén de presentar unha moción na Deputación de Ourense para que este organismo provincial deixe de xestionar “de forma escurantista”  a estación de montaña de Manzaneda. Neste acto participaban o secretario provincial e
voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael R. Villarino; o deputado e tenente de alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso; e do alcalde de Manzaneda, Amable Fernández.

Así, esta iniciativa insta aos gobernos provincial e autonómico (accionistas maioritarios de Meisa) ao “cese da actual xestión escurantista”, para que “comecen a aplicar un modelo público, transparente e coa esixencia de que, quen estea á fronte, conte con experiencia e solvencia acreditada”.

Nesa iniciativa tamén se reclamará á Xunta “nomear como membros do consello de administración de Meisa ao alcalde de Manzaneda e á alcaldesa da Pobra de Trives, para garantir a representatividade dos territorios nos que se asenta a estación de montaña de Manzaneda e a transparencia na súa xestión”. Igualmente solicita á Deputación a que proceda “a concluír as obras de remodelación na estrada de acceso sen dilación”.

O deputado, Aurentino Alonso, asegurou que o proceso de adxudicación da xestión “está nunha situación tráxica” e a estación “case en encefalograma plano”, polo que “hai darlle unha volta ao modelo de xestión” e “ás actividades que só se centran no esquí e que non pensan en que o futuro da estación precisa ser repensado mediante outras vías de negocio, como están facendo outras estacións”.

“Queremos que sitúen á fronte a un experto ou experta con experiencia e non que coloquen a calquera”, sinalou logo de explicar que reclaman “transparencia” tras “anos denegando documentación”, unha situación que se agravou “co sinsentido de sacar aos concellos de Trives e Manzaneda do consello de administración”.

O secretario provincial e voceiro, Rafael R. Villarino, resaltou que  o potencial da estación “leva anos estragándose” a pesar de “investimentos multimillonarios” e “cun abandono das instalacións e do modelo de
negocio”, xa que “non só é unha estación de esquí xa que é unha estación de montaña con boas instalacións que permiten actividades todo o ano”. O PSOE ofrécese para “cambiar as cousas a mellor, co fin de que
Manzaneda teña futuro”, proclamou.

Pola súa banda, o alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, incidiu nas “decenas de traballadores, persoas da zona, que están en ERTE” a pesar de que Manzaneda “está completamente abandonada” e “a día de hoxe segue todo pechado. Chegas arriba e non podes comprar nin unha botella de auga”. Ademais, o rexedor lembrou que “a nosa reivindicación principal é que os municipios nos que se asenta esteamos no consello. Hai que investir cartos e facer unha xestión eficiente con actividades todo o ano, como sucede noutras estacións iguais”, dixo.

Para o alcalde de Manzaneda a estación “é un motor para a hostalería e o comercio de todos os municipios da zona”, un motor, insistiu, que está “totalmente desaproveitado a pesar de que por alí chegaban a pasar 4.000 ou 5.000 persoas ao día co que iso supón en cartos”.

Para o PSOE “o desleixo que Xunta e Deputación amosan coa dinamización da estación e das comarcas afectadas é recorrente desde hai lustros” cunha “xestión escurantista salpicada de problemas e irregularidades
cada vez máis evidente, especialmente desde que acordaron deixar fóra da toma de decisións aos concellos de Trives e Manzaneda”.

Artigos relacionados

Back to top button