PolíticaÚltima hora

O PSdeG-PSOE reclama que a Deputación de Ourense apoie a candidatura de Florencio Delgado Gurriarán para as Letras Galegas 2022

O deputado socialista, Aurentino Alonso, destaca a importacia deste “poeta, investigador e intelectual que participou activamente na vida cultural de Galicia e México, o seu país de exilio”

O poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán.

 

O proxecto cultural ‘As Letras de Florencio’ ten a súa orixe no ano 2016, pero foi agora, hai só unhas semanas, cando un grupo de persoas e institucións presentaron un extenso dossier ante a Real Academia Galega para apoiar esta candidatura. Por iso, o PSdeG-PSOE reclama que a Deputación de Ourense se sume “pública e formalmente” ao impulso da candidatura do poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, para a celebración das Letras Galegas do 2022.

O deputado socialista, Aurentino Alonso, sinala que “esta petición non é unha novidade” porque “hai 20 anos que, a iniciativa do Instituto de Estudos Valdeorreses e da veciñanza de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras, a súa vila natal, xa se solicitara a celebración das Letras Galegas na súa honra, pero daquela non puido ser”. Alonso destaca a figura de Florencio Delgado, un “poeta, investigador e intelectual galego que participou activamente na vida cultural de Galicia e de México, o seu país de exilio”.

“O que queremos é que o propio pleno da Deputación de Ourense apoie esta solicitude e lle dea traslado do acordo á Real Academia Galega”, asevera Alonso antes de salientar que estamos ante unha figura “universal” da literatura en galego do pasado século, “na súa Galicia natal e tamén no estranxeiro”. “Foi un dos cinco poetas de maior calidade das letras galegas no exilio”, destaca.

A iniciativa que se debaterá no pleno deste venres, reclama que a Deputación “se sume á iniciativa promovida polo proxecto cultural As Letras de Florencio e apoie a candidatura” deste poeta, para que lle sexa concedido, en 2022, o Día das Letras Galegas. Igualmente pide que a institución provincial ourensá dea difusión a esta candidatura “a través de todos os medios cos que conta” e que “traslade o seu apoio á Real Academia Galega, para coñecemento e constancia de todos os seus membros”.

Artigos relacionados

Back to top button