PolíticaÚltima hora

O PSOE da Rúa impugnará a convocatoria de Pleno Ordinario do Concello para o vindeiro martes

Alegan que o documento "non cumpre cos mínimos requisitos que establece a lexislación vixente que é que se teñen que facer segundo os acordos tomados no pleno de organización"

 

Dende o grupo socialista do Concello da Rúa amósase “molestos” coa convocatoria de Pleno Ordinario que recibían na tarde de onte para o vindeiro martes, 2 de marzo ás 11 da mañá. “Cabreounos bastante porque é para un día e unha hora que non corresponde, algo que está pasando con bastante frecuencia”, asegura o voceiro Luis F. Gudiña, para quen a convocatoria “non cumpre nin coa lexislación vixente nin co que se aprobou no pleno de organización en xuño de 2019 cando se estableceu, a proposta da propia alcaldía, que os plenos se celebrarían o primeiro luns de cada mes impar ás 20h. Despois de máis de dous meses sen un pleno, convócase este fóra de data”.

Segundo Fernández Gudiña o que están facendo dende o Partido Popular “é crear unha nova figura do pleno segundo os seus intereses, incumprindo toda normativa vixente e impedindo dalgún xeito que a oposición poidamos ter un control do que están a facer. Trátase ademais dun pleno baleiro no que unicamente se manteñen as mocións dos diferentes grupos”.

Molestos porque ao ser ás 11 haberá concelleiros que non poidan asistir, aseguran que “non estamos dacordo con esta convocatoria (cando non se celebra na data preestablecida convértese nun pleno extraordinario), polo que imos impugnala porque están continuamente impedindo con este tipo de convocatoria que fagamos un seguemento do seu labor”.

 

Fachada do Concello da rúa. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O alcalde popular da Rúa, Álvaro Fernández, pola súa banda, asegura que lles enviaron un e-mail explicándolles a situación. “Estamos sen secretario e a Deputación non pode enviar un para que nos asista ao pleno o luns por iso o movimos un día, para o martes, e pola mañá porque pola tarde non pode vir”, asegura Álvaro, engadindo que necesitan ao técnico da Deputación porque a secretaria accidental do Concello non ten capacitación legal para asesoralos polo que “fixemos o que consideramos para celebralo en tempo. Temos un secretario interino que se incorporará en breve pero non quixemos retrasar o pleno máis xa que en xaneiro a oposición protestou porque non se celebrou e foi porque daquelas o secretario puxérase de baixa. Convocámolo para o 2 de marzo para darlle gusto á oposición, precisamente para non retrasalo máis, e nin así”, conclúe o rexedor.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button