Eleccións Xerais 26-XGalerías de fotosPolíticaÚltima hora

O PSOE pide encher as “urnas de rosas vermellas” no mitin do Barco

No acto participaban as candidatas Rocío de Frutos e Ofelia Puente, xunto co alcalde barquense Alfredo García e Gonzalo Caballero

“Os socialistas preocupámonos das persoas, sempre o fixemos e seguirémolo a facer”, dicía Ofelia Puente, número dous por Ourense na lista do PSOE ao Senado, na apertura do mitín celebrado no seu concello, O Barco, na tarde do 22 de xuño. Neste senso defendía unha “sanidade pública, unha educación de calidade, máis igualdade salarial entre homes e mulleres, a erradicación da pobreza infantil, a baixada das listas do paro para que os novos fillos volten ao seu país…”.

A súa era a primeiras das intervencións deste acto que tiña como escenario a praia fluvial do Sil, no Malecón. Tras ela tomaba a palabra o alcalde do Barco e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García, quen apuntaba que “o vindeiro domingo temos que rebelarnos e reclamar o futuro dos nosos fillos, rebelarnos contra as políticas de desgoberno e de recorte de dereitos. A España e ao Barco sempre lle foi ben cun goberno do PSOE”. E insistía en que o partido socialista é a “única alternativa que hai para facer un goberno de cambio tranquilo, con coherencia, serio e riguroso”.

Alfredo García daba paso á intervención da número un socialista ao Congreso por Ourense, Rocío de Frutos, quen lembraba que na súa breve etapa de seis meses como deputada nas dúas intervencións que fixo no Congreso falou sobre O Barco: primeiro coa proposición non de lei que presentaba para que se recoñecese a incapacidade permanente para a silicose de grao un na lousa e, despois, para apoiar a autovía A-76. De Frutos pedía “un si a Pedro Sánchez” porque “quero vivir nunha sociedade na que o Estado defenda aos maiores e á infancia, aos discapacitados, onde se defendan os dereitos dos traballadores, nunha sociedade solidaria, que loite polos dereitos das mulleres… Preocúpame todas esas cousas do sorpasso“. Asemade apostaba pola defensa do mundo rural e dos concellos, xa que “o PP o único que fixo foi estrangular aos municipios, impediron que se financien. O PSOE sempre vai impulsar a municipalidade”. E destacaba que “somos o partido da redistribución da riqueza. O PP rachou con todos os mecanismos de redistribución da riqueza, cunha sanidade pública, cunha educación pública… Queremos recuperar unha sociedade digna e igualitaria”.

O mitin completábase con Gonzalo Caballero quen aseguraba que nun momento de “desconfianza política como actual é necesario dar un paso adiante”. E engadía que “facer política é algo máis que simplemente protestar co zapato, é dar solucións nos gobernos, nas administracións. E esa solución non vai vir de mans do populismo, non se pode deixar o goberno en mans de quen non ten folla de ruta”. E pedía, recollendo unha frase pronunciada momentos antes por Alfredo García, “encher as urnas de rosas vermellas”.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button