Galerías de fotosÚltima hora

O público ríndese ante a Festa Medieval de Sobrado

A celebraciónn remataba na media noite do 3 de agosto co acto da Inquisición

Representacións, música, gastronomía, xogos populares… Á Festa Medieval de Sobrado que este ano chegaba á IV edición non lle faltou detalle, contando asemade co respaldo do público que chegou a triplicarse con respecto ás anteriores edicións, “non só do pobo que se implica totalmente, senón de toda a bisbarra” explica José Antonio López, dende a Asociación Cultural O Fulión de Sobrado sobre o que recae a organización da festa, unha iniciativa que segundo José Antonio “dá moito traballo pero é moi agradecido”.

Esta edición da festa comezaba o sábado día 2 de agosto coa apertura do mercado medieval con postos na praza e no entorno do mosteiro, de gastronomía e licores da zona, artesanía… Xa pola noite tiña lugar o desfile de bandeiras para recoller ao “rei da festa” coa posterior coroación ao estilo de 1570. “Cada ano é un veciño do pobo o elexido e nesta ocasión foi Avelino Rodríguez Guerra” explican dende a organización. A xornada remataba coa cea medieval na praza.

E xa na mañá do domingo 3 de agosto, tiña lugar a representación do Foral de Sobrado, un acto a través do cal Inés de Quiroga, última abadesa de Trives, fai petición a Felipe II para impedir a anexión do mosteiro de San Salvador de Sobrado ao de San Paio de Antealtares, de Santiago. Trala representación a cargo dos veciños do pobo, tería lugar un xantar popular, con posteriores xogos e actividades para nenos e adultos.

E xa a partires da media noite, o acto da Inquisición pechaba o programa deste ano. A representación comezaba co xuízo a unha persoa con coñecementos de medicina, condenada por exercer a bruxería. Ante o inminente final a condenada fuxe e os veciños do pobo, comezan a perseguila polos bosques ata que dan con ela e finalmente representan á súa queima na fogueira.

O apartado musical da festa corría a cargo da rondalla A Esmorga que actuou pola tarde e pola noite, e da banda de gaitas Os Trintas de Trives que tocaba pola mañá.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Asociación Cultural O Fulión de Sobrado

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button