EconomíaEconomía

O pulpo do Carballiño loce os seus puntos fortes en FITUR

O alcalde da vila, Francisco Fumega, destacou o pulpo, o pan de Cea, Ribeiro e a contorna como os cinco elementos que fan tan exitosa a Festa do Pulpo
Francisco Fumega, na presentación da Festa do Pulpo no stand de Galicia.

A provincia segue a promocionarse como destino turístico en Madrid na feira internacional de turismo FITUR. Nesta ocasión a gastronomía volveu ser a protagonista, en concreto, unhas das festas gastronómicas máis antigas e multitudinarias de Galicia, a Festa do Pulpo do Carballiño. Esta cita congregou a preto de 100.000 persoas que consumiron arredor de 70 toneladas de pulpo coas que se elaboraron unhas 150.000 racións. O alcalde de O Carballiño, Francisco Fumega, lembrou que, como anticipo a esta “magna romaría” elaborouse a tapa de pulpo máis grande do mundo, “un prato de cinco metros de 37 centímetros de diámetro, que contiña 750 kilogramos de pulpo, equivalentes a unhas 2.000 racións”, cifrou o rexedor municipal, que destacou esta fazaña coma un “fito na historia desta festa” e que esperan superalo na próxima edición, “aínda que non será doado”, dixo.

O evento promocional desenvolveuse no posto que Galicia ten na feira, e estivo organizado e presidido pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. No acto tamén estiveron presentes o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal, e o voceiro do grupo municipal popular, Argimiro Marnotes. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tamén estivo presente na presentación carballinesa.

Na súa intervención, Fumega destacou os cinco elementos que garanten o éxito da festa durante cada edición: a tradición e o bo facer das pulpeiras e pulpeiros do Carballiño; o viño do Ribeiro; o pan de Cea, e un contorno natural extraordinario como é “o parque municipal, con máis de 30 hectáreas de arborado e zona verde”, lembrou.

Finalmente, referiuse ao obxectivo de lograr a internacionalidade. Ao respecto, dixo que a Festa do Pulpo do Carballiño “conseguiu certa relevancia en Galicia e no resto de España, e desexamos traspasar as fronteiras nacionais para que chegue a outros países”. Con este obxectivo, o pasado ano dedicáronlle a festa a tres cidades do Norte de Portugal e, a deste ano, vana dedicar a outra cidade europea. Fumega convidou a todos os presentes a acudir este 14 de agosto “onde vos recibiremos cos brazos abertos na LV Festa do Pulpo do Carballiño”.

Feijóo tamén estivo na presentación da Festa do Pulpo

Artigos relacionados

Back to top button