Novamente bate récords. A Festa do Pulpo do Carballiño rexistraba novamente unha asistencia masiva na súa 56ª edición que abarrotaba o parque municipal da vila, onde se situaba o recinto da celebración. “É a romaría máis importante de Galicia e temos hoxe unha temperatura ideal”, aseguraba o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, quen destacaba ademais que esta era unha edición especialmente emotiva dedicada a Arxentina.
“Temos unha afluencia masiva, con xente de todas as comunidades autónomas de España, tamén de diferentes países europeos… É unha festa que se consolida e temos que traballar para ir mellorándoa”, sinalaba o rexedor en clara referencia a aposta por lograr a distinción de festa de interese turístico internacional.
Para facer posible este evento cóntase co traballo de moitísimas persoas, nun traballo coral de todos os departamentos do Concello e que conta coa colaboración de Protección Civil e das forzas de seguridade da zona. Nesta edición acudían á cita numerosas autoridades.
Fotos da galería: Carlos G. Hervella agás a última.