ConcellosÚltima horaVídeos

“O que máis lle tería gustado ao noso pai Florencio é o carácter popular que tivo esta celebración”

Celia, Maruxa e Carmiña, tres das fillas do poeta corgomés Florencio Delgado Gurriarán, valoran antes da súa partida estes días de homenaxes á figura e obra do seu pai en Galicia

 

Apenas ten sido unha semana, pero moi moi intensa para Celia “Cheli”, Maruxa e Carmiña Delgado Fernández, tres das fillas de Florencio Delgado Gurriarán, que viaxaban a Valdeorras cun dos netos do poeta, Roberto, e coa súa dona Sara. Uns días cheos de reencontros coa súa familia galega, coa terra natal á que tanto quixo o seu pai, e tamén de recoñecementos e posta en valor da súa figura que culminaban nos actos do 17 de maio en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras).

“Comentabamos entre nós que temos unha resaca, pero unha resaca boa, chea do recordos, de momentos moi gratos, moi intensos, moi profundos, foi unha experiencia inesperada porque si sabiamos da homenaxe e do gran recoñecemento que ten o noso pai na súa terra, pero eu non esperaba tanto”, confesaba neste mércores ao Periódico O SIL neste 18 de maio Celia, xunto ás súas irmás, as tres moi agradecidas, nunha entrevista concedida ao Periódico O SIL na Posada Galaica do Barco.

De maneira similar se manifestaban as súas irmás. “Estou orgullosísima, agradecidísima, emocionadísima, todos os ísimos que se poidan dicir, non hai palabras coas que eu poida describir esta cousa tan bela e este traballo tan fenomenal”, aseguraba Maruxa, “o meu pai deixou Galicia polos seus ideais pero nunca a abandonou, distancia xeográfica pero sempre estivo aí e seguiu na loita e a resposta dos galegos a isto é dunha profundidade emocional belísima e estamos moi agradecidas con todos. Eu estou encantadísima e aínda como en shock”.

“Para min tamén foi un soño”, engadía Carmiña, e “moita sorpresa, foi inesperado, xa o dixemos, esperabamos eventos recoñecementos, agasallos cara ao noso pai, pero nunca como isto, por todo o amor volcado de toda a xente que é tan emocionante e tan conmovedor”, resaltaba.

 

 

E deste conxunto de celebracións e de accións para recuperar e poñer en valor a figura do poeta corgomés, o que destacan de xeito especial é a implicación social, do pobo valdeorrés, ao que tanto amaba o seu pai. “O que máis lle tería gustado ao noso pai é ver este carácter popular da celebración, que se festexase coa súa xente, e o cariño co que o recordan as persoas de Córgomo”, din. Tamén agradecen a acollida das súas primas en Valdeorras e tamén queren mencionar a súa rama familiar materna, tamén de orixe galega, “a familia Fernández Teijeiro, que eles sempre quixeron moito ao noso pai e para eles foi unha figura moi importante”.

 

 

 

Xa están pensando no regreso a terras americanas pero vanse coa ilusión de poder voltar pronto e tamén coa satisfacción de ver como galegos de todas as idades recitan, cantan, pintan ou investigan arredor da obra poética e da traxectoria vital do seu pai, un valdeorrés que sempre levou a Córgomo no corazón, un sentimento do que contaxiaba a súa familia alén do Atlántico e que, moitas décadas despois, continúa máis vivo que nunca.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button