EconomíaEconomíaÚltima hora

O Ribeiro mobilízase “ante a pasividade da administración” cos afectados polas xeadas

A manifestación saíu ás 11:00 horas do IES O Ribeiro, en Ribadavia, e foi apoiada polo comercio local. Ao rematar, na praza do Concello, leron un manifesto

A choiva non empanou hoxe, 13 de maio, as protestas na capital do Ribeiro. A manifestación, convocada para polos viticultores afectados polas xeadas do pasado mes, congregou, segundo a organización, a milleiros de persoas. A cabeza da manifestación saíu cara ás once da mañá do IES do Ribeiro e rematou na Praza do Concello.

A protesta foi apoiada, ademais de polos cidadáns e polo comercio local, que pechou as súas portas durante a manifestación en sinal de apoio. Pero non foron os únicos, xa que a deputada no Hórreo por Ourense do PSdeG-PSOE, Noela Blanco; o alcalde de Ribadavia, o socialista Ignacio Gómez Pérez; e a deputada de En Marea no Parlamento de Galicia, Ánxeles Cuña, entre outros, tamén se uniron ao corpo da marcha, mentres os tractores dos colleiteiros encabezaban a masa de paraugas.

Durante a manifestación, os colleiteiros distribuíron as follas queimadas polo xeo aos espectadores e viandantes durante o transcurso da manifestación.

Tras reunirse todos na praza do Concello, procederon a colgar a pancarta nos balcóns do edificio consistorial e logo leron un manifesto para toda a praza. O encargado de pronunciar as verbas de protesta foi David Rodríguez, un mozo viticultor procedente da zona de Beade. No seu discurso denunciou a “inoperancia e a pasividade que está a mostrar a administración cos viticultores do Ribeiro”. Reiterou que “non estamos a pedir esmolas” e o que queren é que lle dean o mesmo trato, por parte da Consellería, que lle deron á Ribeira Sacra. “Para a denominación de orixe máis antiga de Galicia”, dixo.

En total, foron cinco as demandas que pediron dende a capital do Ribeiro: que a Xunta inste ao Goberno de España a declarar zona de emerxencia o territorio do Ribeiro; unha posta en marcha “urxente”, de liñas de axudas igual “á dos nosos veciños da Ribeira sacara, concretamente ás do Concello de Sober”, para poder sufragar parte dos traballos de recuperación; a condonación nas cotas á Seguridade Social dos traballadores autónomos durante un período “non inferior a seis meses” así como a rebaixa do IRPF; que a Xunta, a través do IGAPE, poña en marcha liñas de crédito brandos, sen custes de tramitación e xuro cero; e, por último, que a Xunta poña en marcha a apertura dunha mesa de negociación co sector e as compañías aseguradoras “para facer posible a existencia dunha oferta aseguradora real”.

Precisamente deste tema falou o secretario xeral de Unións Agrarias de Galicia, Roberto García, que subscribiu as palabras do seu compañeiro. García apuntou que “é irresponsable por parte da Conselleira -Ánxeles Vázquez- sacar o debate das aseguradoras unha vez está o dano feito”. Tras iso, reiterou que estes seguros “teñen un gran desenvolvemento noutras comunidades autónomas porque hai unha aposta clara por eles por parte das administracións”. En concreto exemplificou coa Comunidade Valenciana: “acaban de aprobar, con só tres provincias e un sector primario insignificante, 24 millóns de euros de complemento de seguro agrario, cando a Xunta non ten destinados catro millóns e medio”, dixo.

Por outra banda, asegurou que a maioría das axudas están destinadas aos seguros de gandería para a retirada de cadáveres, “practicamente é unha taxa administrativa, non unha póliza”, remarcou Roberto García. Asemade, engadiu que o complemento de axuda para unha póliza de seguro agrario dunha finca de 5.000 metros, “que é a media de propiedade dun agricultor galego”, case non está cuberta, “cando a lei permite financiar até o 65% do seu custo”, asegurou.

Esta manifestación é unha das que se farán en todas as Denominacións de Orixe da provincia afectadas, que se sucederán ao longo deste mes e que rematarán cunha grande mobilización de todos os produtores de viño o día 23 de maio en Ourense.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button